
O Instituto de Estudos Chairegos, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizan o venres 13 de xuño de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:30 horas, a proxección do documental “SEGADORES DA ÓRREA EN TERRAS DE CASTELA. UNHA HISTORIA DE HEROES”, producido pola ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS DE SANTA COMBA DA ÓRREA, no Concello de Riotorto, e dirixido por VANESA GÓMEZ LOURIDO E LAURA ALONSO CARRACEDO.
SINOPSE.- “Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes” é un documental etnográfico que recolle un feito histórico, social, antropolóxico e cultural que en Galicia durou 300 anos (dende o S XVII ata os anos 60 do pasado século XX), narrado por 31 homes e mulleres que viviron en primeira persoa esa experiencia e que abandonaban temporalmente as súas terras para participar nas segas de Castela. Trátase dun emotivo relato colectivo que pon en valor a memoria dunha xeración marcada pola emigración estacional e o duro traballo no campo.
FICHA TÉCNICA
“Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes”
Ano de produción: 2023
Duración: 50 minutos
Formato: Documental
Idioma: Galego
Dirección: Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo
Produción: Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea (Riotorto, Lugo)
Financiamento: Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo
Participación: 31 testemuños, incluíndo 29 homes que participaron nas campañas de sega en Castela e 2 mulleres que relatan a experiencia desde a perspectiva das familias que quedaban na aldea.
ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR AFORO
