QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA. CONFERENCIA DE PILAR GARCÍA NEGRO: “ROSALÍA DE CASTRO, DE ONTE A HOXE”. VENRES 16-02-2024, ÁS 20:00 H. CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos, dentro dos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA, organiza o venres 16 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a CONFERENCIA “ROSALÍA DE CASTRO, DE ONTE A HOXE”, que será impartida por PILAR GARCÍA NEGRO, profesora honoraria da USC e escritora, contando tamén coa presentación de MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA. 

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO, nada o  9 de outubro de 1953 en  Lugo, é unha política, escritora, sociolingüista e profesora galega.

Traxectoria profesional

Estudou filoloxía hispánica e filoloxía galega na  Universidade de Santiago de Compostela, doutorándose en 1991.

Foi profesora de lingua española no  Instituto Eusebio da Guarda da Coruña  entre  1976  e  1985  e na Sardiñeira entre 1985 e  1990. Deu sempre as clases en galego, o que lle valeu a apertura dun expediente sancionador en  1983. Dende 1991 é profesora da  Universidade da Coruña, sendo profesora titular desde  1995  no Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística.

Publicou a sección “O idioma” no semanario A Nosa Terra entre marzo de 1978 e agosto de 1979, seguíndolle “Leccións de Literatura e de Lingua” con  Xosé María Dobarro  de 1979 a  1980.

Pilar García Negro interveu en numerosos congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, linguas europeas non normalizadas, literatura galega e  feminismo, e publicou edicións e estudos sobre Rosalía de Castro,  Valentín Lamas Carvajal,  Pardo Bazán,  Castelao,  Xesús San Luís Romero,  Ramón Villar Ponte,  Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Manuel María, María Xosé Queizán, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés.

Foi presidenta da  Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña (1983-1988). É membro do Consello de redacción de Altres nacions, da  Revista de Filoloxía da Universidade da Coruña  e da revista  Terra e Tempo. Colaboradora da  AS-PG,  AELG  e  Mesa pola Normalización Lingüística. Desde  2004  é a directora-xerente da Fundación  Bautista Álvarez  de Estudos Nacionalistas.

Traxectoria política

Foi deputada no Parlamento de Galicia polo BNG  entre 1989 e 2003. Durante ese período destacou por ser unha das principais defensoras da legalidade do topónimo galego da cidade da Coruña fronte os recursos nos tribunais do daquela alcalde da cidade, Francisco Vázquez, para manter a oficialidade de dito topónimo en español.

En  2006 foi xulgada e condenada canda Xosé Manuel Carril e Francisco Xosé Rei por inxurias e desorde pública logo dun pleno, celebrado en  2004, no Palacio de María Pita no que Francisco Vázquez pretendía cooficializar os topónimos galego e castelán para a cidade.

Velaí algunhas das súas obras:

  • O galego e as leis. Aproximación sociolingüística  (1991, Edicións do Cumio)
  • Sempre en galego (1993, 1999, Laiovento)
  • Direitos lingüísticos e control político (2000, Laiovento)
  • Arredor de  Castelao (2001, A Nosa Terra)
  • María Mariño no ronsel das escritoras galegas (2007, Laiovento)
  • Xosé María Álvarez Blázquez: Claro mencer do tempo… (2008, Deputación da Coruña)
  • De fala a lingua: un proceso inacabado (2009, Laiovento)
  • O clamor da rebeldía.  Rosalía de Castro: ensaio e feminismo  (2010,  Sotelo Blanco)
  • Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación  (2010, Laiovento)
  • Outramente…  (2012, Laiovento)
  • Cantares gallegos  hoxe. Unha lectura actualizada de  Rosalía de Castro  (2013,  Alvarellos)
  • Galiza e feminismo en  Emilia Pardo Bazán  (2021). Lugo: Alvarellos. 158 páxs. 
  • Rectificar a historia Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero  (2021). Santiago: Laiovento. 288 páxs
  • A gente da Barreira, de  Ricardo Carvalho Calero;  Teatro, de  Jenaro Marinhas del Valle  (1997,  AS-PG/A Nosa Terra)
  • Poesia galega, de  Valentín Lamas Carvajal  (1998,  Ediciós do Castro)
  • Confusión de María Balteira, de  Marica Campo  (2006, Universidade da Coruña). Edición e estudo introdutorio da obra
  • El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas, de Rosalía de Castro (2006, Sotelo Blanco). Edición e estudo introdutorio
  • Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa  (2022).  Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro (Eds.). Biblos (fonte wikipedia)

A entrada será libre ata completar aforo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad