VENRES 23 DE FEBREIRO DE 2024 – 20:00 H. VESTÍBULO DO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA
O Instituto de Estudos Chairegos, continuando cos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de QUERO VER O MAR-HOMENAXE A ROSALÍA, organiza o venres 23 de febreiro de 2024, ás 20:00 horas, no Vestíbulo do Auditorio Municipal de Vilalba, a PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “A ROSA INCANDESCENTE”, realizado por DAVID VÁZQUEZ. No acto estará presente a guionista ANXOS GARCÍA, para conversar co público asistente. Contaremos tamén coa actuación dos grupos vilalbeses: CORREDORES DE SOMBRA e LAMBE LAMBE. Previamente, ás 19:30 h., levaríase a cabo a ofrenda floral no Parque Rosalía de Castro.
“A rosa incandescente” é unha curtametraxe de 2021, dirixida por David Vázquez Vázquez, con guión de Anxos García Fonte e interpretada por Alba López. Mostra a Rosalía de Castro, a vida da escritora falando do seu proceso creativo no momento de publicar o seu primeiro ensaio, Lieders. Rodouse no mes de xullo de 2021 no Pazo de Sabadelle e a súa contorna. Presentouse por primeira vez en formato de curtametraxe de 27 minutos no Auditorio Municipal de Chantada o 26 de febreiro de 2022. Segundo a guionista: “o filme quere achegarnos unha Rosalía de Castro cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa obra: a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é a mesma rosa incandescente de intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai.” (Fonte wikipedia)