
O Instituto de Estudos Chairegos, continuando co desenrolo do programa de actividades do mes de setembro de 2025, organiza a representación da obra “PROFETAS”, a cargo do grupo ÍTACA TEATRO, que contou co patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a coprodución do Centro Dramático Galego, da Xunta de Galicia, e coa colaboración e apoio do Concello de Vilalba, a Mostra de Ribadavia, o Concello de Lugo e a Deputación de A Coruña.
O acto terá lugar o sábado 20 de setembro de 2025, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.
| Reserva de localidades en https://entradasvilalba.es |
Sinopse:
Ela e El vólvense atopar, moito tempo despois:
Ao longo da noite, tratarán de recompoñer as lembranzas do que foi a súa relación; os soños que compartiron, os medos que a truncaron, as ficcións que crearon e as cidades onde a imaxinaron xuntos.
PROFETAS presenta o encontro dunha parella que xa non o é. Dúas persoas que fan balance da súa historia común por medio doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. Un conto que se conta para contarnos.
Elenco:
Carlos Rebolo e Elea López
Texto e dramaturxia:
Ernesto Is
Iluminación, espazo sonoro e dirección:
Carlos Álvarez-Ossorio
Deseño e creación de máscara:
Marga Portomeñe
Escenografía, vestiario e produción:
Itaca Teatro
Deseño Gráfico:
La Cosa Gráfica
Redes sociais:
Insono
Fotografía:
Las fotos del César
Guía didáctica:
maisqueteatro
Vídeo e tráiler:
Granero Vídeo
Vídeos promocionais:
Patricia Barreda
Distribución e comunicación:
Carlos Iglesias
Agradecementos:
María García, Youssef Salimi, Julio Seijas, Juan Rivas, Autos Galicia, Celia Rodríguez
Duración: 80 minutos
Público: mozo e adulto
A COMPAÑÍA
ÍTACA TEATRO é unha compañía lucense, fundada no 2018, que en todas as súas montaxes harmoniza o tanxible co utópico, facendo convivir sobre o palco realidade e ficción.
Ítaca Teatro nace a finais de 2018, fundada por un grupo de apaixonados artistas e, dende aquela, leva estreadas cinco propostas moi diferentes, “Cinco Minutos sen respirar”, “Formigas no peto”, “Anacos”, “Alma de grilo” ou “Instrucións para tomar café”. O seu novo traballo é unha coprodución co Centro Dramático Galego titulada “Profetas”. A viaxe desta compañía está marcada pola exploración constante e a procura do seu aceno de identidade única no panorama teatral. Esa procura é o fío condutor da traxectoria da compañía. Os seus espectáculos van dende o drama contemporáneo ata o teatro literario con música en directo, pasando pola narración oral e mesmo a fusión de códigos. A experimentación continúa sendo unha constante, guiando á compañía cara a novas formas de expresión e ao descubrimento da súa propia voz.

