Noite inesquecible a deste venres 18 de agosto, no Templete da Música de Vilalba. O IESCHA, en colaboración co Concello, programou para esa data o II CONCERTO DE VERÁN, coa actuación do grupo galego BOROA.
Desde o comezo poidemos escoitar toda unha serie de pezas que nos transportaban a distintas partes do mundo: o vals vienés, o cantar de berce, a jiga irlandesa, a musica tradicional do sur e, claro está… as rumbas, as xotas e as muiñeiras da nosa terra que serviron para demostrar a destreza e a paixón de Boroa pola música tradicional.
Con todo, a verdadeira estrela da noite e protagonista indiscutible foi a GAITA, ese “instrumento ancestral de pobres e de ricos”, como a definía Sabela durante a súa magnífica actuación. E a gaita entrelazábase cos fermosos sons do clarinete, das guitarras e das voces, creando unha sinfonía musical que nos facía lembrar as nosas raíces e tradicións.
Para rematar, un fin de festa vertixinoso que puxo a bailar á maioría das persoas que en bo número acudiron ao evento.
En definitiva, o concerto de Boroa foi testemuña de como a música tradicional pode evolucionar, adaptarse e seguir tocando o corazón da xente, independentemente da súa orixe.Ah, e a choiva que ameazou durante boa parte do evento non desluciu, mais ben sumou un plus de maxia ao encontro.
Dende o IESCHA, só nos queda agradecer fondamente a Boroa, aos seus compoñentes, a súa presenza en Vilalba para agasallou con esta fermosa actuación. E polo magnífico obradoiro de baile co que previamente nos obsequiou Sabela.
Agradecemento que facemos extensivo ao Concello, aos membros do equipo técnico, a Leila (pola súa exitosa colaboración co grupo), e a todo o público asistente.
Ata a próxima!!!