RESEÑA DA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DE SOCIAS E SOCIOS DO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS LEVADA A CABO O PASADO VENRES 27 DE MARZO DO 2026, NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA

O venres 27 de marzo de 2026, celebrouse na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba a Asemblea Xeral Ordinaria do Iescha, correspondente ao presente ano, baixo a presidencia de Marisa Barreiro Mejuto. A reunión iniciouse en segunda convocatoria ás 20:00 horas da tarde, coa presenza de seis membros da xunta directiva así como de varias socias e socios.

Seguindo a orde do día prevista, procedeuse en primeiro lugar á lectura das actas das Asembleas Ordinaria e Extraordinaria do ano 2025, que foron aprobadas por unanimidade dos presentes, sen que se formulase ningunha obxección nin emenda ao seu contido.

A continuación, a presidenta presentou a Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025, na que se deu conta das iniciativas e proxectos desenvolvidos pola entidade ao longo do exercicio. A memoria foi acollida favorablemente pola asemblea e aprobada sen votos en contra.

Seguidamente, deuse a coñecer o Plano de Actividades para o ano 2026, que recollía as propostas e liñas de traballo previstas para o presente exercicio. Os asociados presentes mostraron o seu acordo co programa presentado, que quedou igualmente aprobado.

No cuarto punto da orde do día, presentouse o estado de contas e o balance do ano 2025, que reflectía a situación económica da entidade ao peche do exercicio anterior. Tras a súa exposición, o documento foi aprobado pola totalidade dos socios e socias presentes.

A continuación tratouse o orzamento para o ano 2026, co que se establecía a previsión de ingresos e gastos para o exercicio en curso. O orzamento foi sometido a votación e aprobado sen ningún voto en contra.

Por último, abriuse a rolda de intervencións, na que os socios e socias presentes tiveron a oportunidade de formular preguntas, suxestións ou comentarios que consideraron oportunos. 

A presidenta agradeceu a participación de todos e deu por rematado o acto.

ALGUNHA FOTO DA ASEMBLEA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad