
O Auditorio Municipal de Vilalba acolleu o acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, e dedicado á memoria histórica e á análise dos restos do franquismo, cun programa estruturado en catro partes: a proxección do documental “Camarada Fraga. Memoria dun fascista”, a entrega dunha placa de Mención de Honra a título póstumo a Darío Rivas, a charla de Manuel Monge e o turno para o debate.
Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, foi a encargada de presentar e conducir o acto, explicando os detalles do seu desenvolvemento e o sentido da convocatoria. Na súa intervención inicial contextualizou tamén a entrega da placa de Mención de Honra a título póstumo a Darío Rivas Cando, acordada por unanimidade na Asemblea Xeral Ordinaria do ano 2023 e que tivera que ser adiada ata esta data por cuestións de axenda.
A primeira parte consistiu na proxección do documental Camarada Fraga. Memoria dun fascista, producido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que serviu de introdución temática á charla e onde se informa, a tavés de imaxes do NODO da parte silenciada da biografía de Manuel Fraga.
De seguido tivo lugar a entrega da placa de Mención de Honra do IESCHA a Darío Rivas, recoñecido polo seu labor na recuperación da memoria democrática e, en particular, polas xestións realizadas en relación co asasinato do seu pai, Severino Rivas, fusilado en 1936, así como por ser o primeiro querelante do Estado español na causa aberta na Arxentina contra os crimes do franquismo. A distinción foi recollida pola súa sobriña-neta, María Jesús Rivas, quen agradeceu emocionada a lembranza e o recoñecemento, e compartiu co público máis detalles sobre a figura de Darío, destacando o seu carácter comprometido e a súa capacidade de traballo.
Na terceira parte do acto desenvolveuse a charla de Manuel Monge, mestre e sociólogo, arredor da memoria histórica e dos restos do franquismo. Monge repasou o contido e o alcance das leis de memoria histórica e memoria democrática, subliñando os seus aspectos máis relevantes, entre eles o recoñecemento das vítimas, a anulación de xuízos da etapa franquista e a emisión de diplomas de reparación. Lembrou tamén a resolución das Nacións Unidas de 1946 que cualificaba o réxime franquista como fascista, e analizou a continuidade de estruturas e influencias do franquismo a través de fundacións e novos proxectos políticos.
O relator abordou tamén cuestións prácticas como os criterios para a retirada de símbolos e restos do franquismo e puxo como exemplo significativo o proceso de devolución do Pazo de Meirás, tras moitos anos de xestións. Incidiu na obriga legal de incorporar o estudo da ditadura e da represión nos plans educativos e sinalou que, malia existir marco legal, segue sendo necesaria vontade política para impulsar moitas iniciativas de recuperación da memoria. Finalmente, destacou a importancia do traballo coa mocidade para transmitir o que realmente significou a ditadura.
O acto pechouse cun debate aberto co público, no que se intercambiaron algunhas reflexións arredor das políticas de memoria e dos retos pendentes na reparación e divulgación histórica.
Dende o Iescha queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Manuel Monge pola súa participación e polo seu firme compromiso, entre outros moitos, coa recuperación da memoria democrática, un labor imprescindible para a dignidade e a xustiza.
O noso recoñecemento tamén para Mª Jesús Rivas e para o resto de familiares de Darío Rivas, por acompañarnos neste acto tan especial e por recoller a Mención de Honra do Iescha. A súa presenza deulle pleno significado a esta homenaxe.
Grazas, finalmente, ao Concello de Vilalba, ao equipo técnico do Auditorio e a todo o público asistente, que coa súa colaboración, apoio e participación fixeron posible este encontro de memoria e compromiso.
Ata a próxima!
GALERÍA DE FOTOS







































VIDEO RESUME DO ACTO >>>> https://www.facebook.com/reel/2285165868671687
