
Na noite deste venres 24 de xaneiro, na Casa da Cultura de Vilalba celebrouse unha interesante conferencia sobre o estado do idioma galego, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba. O acto comezou coa intervención de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen destacou o compromiso da entidade coa defensa e promoción do galego. Ademais, fixo unha breve pero completa introdución sobre a conferenciante, Ana Mª Iglesias, resaltando a súa traxectoria e traballo a prol da lingua.
A conferencia resultou ser tremendamente didáctica, cun enfoque moi visual e accesible grazas ao uso de imaxes e datos estatísticos, concretamente do Instituto Galego de Estatística (IGE). Ana Mª Iglesias expuxo unha realidade preocupante: a perda progresiva de falantes de galego, sobre todo entre os nenos e nenas de 5 a 14 anos, un dato que cualificou de alarmante.
Un dos puntos máis interesantes foi a análise crítica que fixo da interpretación que realiza a Xunta de Galicia destes mesmos datos. A conferenciante argumentou que esta interpretación resulta enganosa, xa que non reflicte a gravidade da situación real e explicou en detalle como deberían ser analizados os datos para ofrecer unha visión máis axustada á realidade.
Ana Mª Iglesias compartiu ademais a súa experiencia de traballo en diversos grupos universitarios, incidindo na importancia de levar a cabo iniciativas académicas e sociais que favorezan o uso da lingua. Fixo fincapé en que Galicia está a perder falantes de galego e que as actuais políticas educativas e institucionais non están a ser as axeitadas para reverter esta tendencia.
Non obstante, lembrou que ademais das políticas públicas, todas as persoas debemos asumir a nosa responsabilidade no uso diario do galego para garantir a súa supervivencia.
O acto concluíu cun animado debate no que houbo unha elevada participación do público, plantexándose diversas e interesantes cuestións e propostas.
En definitiva, foi unha sesión enriquecedora que puxo sobre a mesa aspectos clave para o futuro do galego, deixando claro que a súa preservación require un esforzo conxunto de toda a sociedade.
Por parte do Iescha, só nos queda agradecer moi sinceramente a Ana Mª Iglesias a súa participación neste acto e darlle os parabéns polo seu excelente traballo.
Tamén, agradecer ao Concello de Vilalba a súa colaboración na cesión do local, e ao público asistente a súa presencia activa no acto.
Ata a próxima!!!























VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1117548633014834