RESEÑA DA CONFERENCIA DE BEATRIZ MACEDA ABELEIRA “LUISA VILLALTA, A PALABRA PRECISA”. VENRES 10/05/24-CASA DA CULTURA DE VILALBA (FOTOS E VIDEO RESUME)

Na tarde-noite do pasado venres 10 de maio, na Casa da Cultura de Vilalba, tivo lugar a conferencia “LUISA VILLALTA, A PALABRA PRECISA”, impartida por BEATRIZ MACEDA ABELEIRA e organizada polo Iescha, en lembranza da escritora homenaxeada este ano coas Letras Galegas.

Disculpou, en primiero lugar, Marisa Barreiro a ausencia de Pilar Maseda por unha leve indisposición. Ía formar parte da mesa poñendo voz a uns poemas de Luísa Villalta. Non puido ser desta volta, pero Pilar Maseda fixo chegar un pequeno agasallo a Beatriz, un cadro feito por ela mesma para a ocasión consistente nunha intervención con técnica de fotobordado sobre cartolina dunha imaxe de Luisa Villalta.

A continuación e durante algo máis dunha hora, Beatriz Maceda fixo unha estupenda inmersión no mundo de Luisa Villalta definíndoa como unha muller dunha vitalidade inmensa. Unha muller que faleceu prematuramente por unha meninxite collida por contaxio no instituto onde impartía clase.

Escritora filóloga e violinista. Formou parte da Orquesta de Santiago de Compostela e da Xoven Orquesta de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio. Foi articulista e tradutora.

Unha muller solidaria e participativa cos movementos sociais da época, comprometida politicamente co país, coa lingua e co feminismo condicións que se ven claramente lendo a súa obra literaria, tanto na poética coma na ensaística, na obra teatral ou nos artigos e colaboracións xornalísticas.

A charla estivo acompañadas de fotografías da autora homenaxeada.

Como remate do acto, Marisa Barreiro deu lectura a “Debilidade”, un fantástico poema de Luisa Villalta, escollido por Beatriz Maceda para esta ocasión. A última estrofa di así:

“(…) E eu confeso que son débil,

Que son moito máis débil que u odio

Máis débil que a pobreza ante a riqueza inegociábel

Máis estraña que o hábito vencido de represión.

Por iso pido a paz

Pido a paz e un estado popular

Para o pobo pobre

Débil coma min en Palestina.”

Queda dito.

Desde o Iescha, queremos expresar a Beatriz Maceda o noso máis sincero agradecemento por esta magnífica conferencia e por compartir experiencia e coñecemento con nós. Agardamos poder contar coa súa presenza en futuros eventos.

Moitas grazas tamén ao público asistente.

Ata a próxima!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/1610588616458728

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad