A conferencia que na tarde-noite deste venres nos ofreceu Cris Felpeto, “A VIOLENCIA CONTRA A MULLER NA OBRA DAS ESCRITORAS GALEGAS”, estaba incluída no ciclo Mulleres Galegas que o Iescha impulsou ao longo de 2023, como ben explicou Marisa Barreiro, encargada de facer a presentación da conferenciante, da que salientou o seu extenso e brillante curriculo, non sen antes explicar o gravísimo problema que representa para a nosa sociedade a violencia de xénero, facendo especial fincapé no papel fundamental que todos e todas xogamos na loita contra a mesma. Marisa Barreiro destacou tamén a importancia de recoñecer a realidade deste problema e de rexeitar calquera discurso negacionista que ameace con banalizalo.
Neste contexto, a primeira parte da charla de Cris Felpeto resultou ser unha valiosa contribución ao coñecemento de infinidade de termos relacionados coa violencia machista: Violencia económica, psicolóxica, emocional, física, sexual; feminicídio, acoso sexual, violacion, mutilacion, ciberacoso, sexting, doxing… E tamén, a palabra clave: “consentemento”. Temas como a violencia visible e invisible, así como as formas explícitas e implícitas de violencia, foron tamén parte importante desta parte da conferencia.
A conexión entre a violencia de xénero e a literatura galega foi o aspecto principal da segunda parte, levando ao público polo camiño das escritoras galegas, en especial de Antía Yáñez e de dous dos seus libros: “Senlleiras” e “Non penses nun elefante rosa”, ofrecendo exemplos concretos dos mesmos, e propiciando e intercambiando opinións co público asistente.
“E que siga habendo moitas Antía Yáñez”, asevereou a conferenciante a xeito de conclusión.
En síntese, a conferencia foi unha experiencia enriquecedora e educativa, onde Cristina Felpeto conseguiu facer comprensibles temas complexos deixando unha moi boa impresión entre os asistentes.
Dende o Iescha agradecemos moi sinceramente a súa participación neste ciclo de conferencias e agardamos poder seguir contando con ela en futuros proxectos.
Moitas grazas tamén ao público asistente.
Ata a próxima!