RESEÑA DA CONFERENCIA DE GUILLERMINA DOMÍNGUEZ “TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR: MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA, MARÍA SOLIÑA”. VENRES 15 DE MARZO. CASA DA CULTURA (FOTOS E VIDEO RESUME)

Na noite deste venres 16 de marzo, na Casa da Cultura de Vilalba tivo lugar a conferencia organizada polo IESCHA: “Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña” impartida por Guillermina Domínguez. Abriu o acto Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen, unha vez máis, condenou a masacre que está a sufrir o pobo palestino en Gaza, convidando tamén ao público presente a visitar a exposición que sobre Palestina que permanece aberta aínda na sala contigua.

A continuación, presentou á conferenciante, Guillermina Domínguez, de quen salientou o seu compromiso diario coa loita feminista.

Guillermina Domínguez comezou a súa intervención abordando a longa historia das mulleres, consideradas sempre como unha minoría. Salientou como, en época medieval, a igrexa conformaba arquetipos femininos subordinados á superioridade masculina, ou como ao longo dos séculos os sistemas legais perpetuaban a desigualdade. Guillermina Domínguez realizou tamén unha viaxe no tempo e no espazo mencionando a figuras emblemáticas como Beata Iduara, Egeria, Cristina de Pizán, Olimpia de Gauges ou Clara Campoamor, destacando a súa valentía como pioneiras na loita polos dereitos das mulleres, para, a continuación, dedicarlle tempo ás protagonistas da conferencia, ás tres Marías: María Balteira, María Castaña e María Soliña, tres mulleres galegas de armas tomar.  Con minuciosidade, Guillermina Guillermina Domínguez mostrounos como estas mulleres desafiaron as normas converténdose en símbolos de resistencia e forza. Falounos da vida e da lenda destas mulleres, destacando a súa valentía e transgresión dos papeis impostos pola sociedade. Deu lectura aos versos de Lorenzo Varela que celebran a María Balteira como unha figura desafiante; citou a ambigua referencia temporal de “os tempos de Mariacastaña” que rodean ao personaxe de María Castaña, e, como non, a recitou a fermosa María Soliña tan ben descrita por Celso Emílio Ferreiro, na súa universal “Longa noite de pedra”:

 “Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía
ai, que soliña quedache, 
Maria Soliña.” (…)

A charla de Guillermina, chea de datos históricos, citas e gráficos, serviu para resaltar a loita feminista ao longo dos séculos. 

Dende o Iescha expresamos o sincero agradecemento a Guillermina Domínguez por compartir con nós os seus coñecementos e o seu compromiso cunha causa tan importante.

Grazas tamén ao público asistente.

Ata a próxima!

VIDEO RESUME DO ACTO: https://www.facebook.com/watch?v=348657490857947

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad