Na noite de onte, 12 de maio, e dentro do ciclo MULLERES GALEGAS, tivo lugar na Casa de Cultura de Vilalba a conferencia “A QUE FÍA, AMA E ORA. ESTAMPAS DA MULLER TRADICIONAL NA LITERATURA DE COSTUMES (E NO GRAVADO ANTIGO)”, impartida por RICARDO POLÍN, Doutor en Filoloxía e Historiador, que foi presentado por MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.
Como xa nos ten acostumbrados en colaboracións anteriores, Ricardo Polín levou a cabo unha interesante, detallada e completa exposición, transmitindo a información de maneira clara, concisa e apaixoada, e profundizando nos detalles máis relevantes ao redor da figura tradicional da muller galega na literatura de costumes e nos gravados.
Na súa exposición, acompañada de imaxes alusivas, Polin fixo mención, entre outras moitas caracterísiticas, á fortaleza, á valentía, á laboriosidade e ao carácter polifacético das mulleres galegas, intercalados con outros aspectos interesantísimos: o matriarcado, o mito maternal galaico, a vestimenta, as festas, os bailes, os contos populares, facendo alusión a importantes referencias doutros escritores e escritoras como Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Francisca Herrera Garrido, Mª Xosé Queizán, entre outros.
E como mostra final, aí queda esta cita de Erika Jong: “…A muller ten dereito a estar sempre cansada…”.
En nome do IESCHA, queremos agradecer a Ricardo Polin a súa valiosísima contribución para un mellor coñecemento desta temática, agradecemento que facemos extensivo ao público asistente.
Ata o próximo acto!