
Na tarde-noite deste xoves 20 de febreiro de 2025, na casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos deu comezo aos acto programados co gallo do MES DE ROSALÍA DE CASTRO.
Tomou a palabra en primeiro lugar Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, quen, antes de pasar a describir brevemente a referida programación, pon énfase no que a nosa asociación leva feito en homenaxe á nosa poeta, sentíndose especialmente orgullosa de que un parque de Vilalba, no que se erixe un monólito na súa memoria, leve o seu nome; que un grande e fermoso mural coa súa imaxe presida un dos cruces máis frecuentados do pobo, ademais de múltiples actividades que pretenderon sempre por en valor a gran importancia de Rosalía na nosa historia e cultura.
Comentou tamén a presidenta, unha actividade concreta deste ano: o reparto de caretas de Rosalía nos centros de educación de infantil e primaria do concello, unha iniciativa simbólica e lúdica que permitirá achegar a súa imaxe aos máis cativos. Rematou explicando que o programa inclúe concertos, ofrenda floral, asistencia á manifestación a prol da lingua no Día de Rosalía (aproveitando para facer un chamamento aos presentes para acudir á Santiago) e varias palestras para reflexionar sobre o legado da poeta e a situación comprometida da nosa lingua.
Neste acto inaugural da programación NO MES DE ROSALÍA, Marisa Barreiro pasou a presentar a continuación ao conferenciante Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega e destacado estudoso da historia, da lingua e da cultura galegas.
Axeitos fixo un percorrido pola evolución histórica, subliñando o papel de Murguía e a súa Historia, así como o tratamento das nacións emerxentes.
Citou artigos fundamentais sobre o esquecemento dos mártires de Carral e os costumes populares, onde Rosalía aparece como protagonista dun conto.
Afondou na súa colaboración con Murguía e na relevancia dos “Cantares Gallegos”, unha obra clave na reivindicación da identidade galega.
Comentou que Sarmiento foi o primeiro gran defensor da lingua, insistindo en que os nenos deben ser instruídos nela, lembrando a súa propia mala experiencia coa aprendizaxe do latín en castelán. Nese proceso de afirmación, xornais como El País de Pontevedra ligaron o galego á defensa da nación, e as masas corais contribuíron a espallar as creacións literarias.
Resaltou como Rosalía foi unha revolucionaria no seu tempo, en plena sociedade patriarcal. A confluencia entre a burguesía que non falaba galego e o pobo emigrante en América que si o facía, posibilitou unha dinámica cultural que favoreceu a súa difusión.
E rematou dicindo que a solución de futuro para un idioma é necesariamente política.
Foi a intervención de Xosé Luís Axeitos completa, detallada e académica, chea de datos e matices que enriqueceron o coñecemento sobre Rosalía e a súa contribución á nosa esencia como pobo. Sen dúbida, un acto para reafirmar o compromiso coa nosa historia, cultura e lingua.
O IESCHA quere expresar o seu profundo agradecemento a Xosé Luís Axeitos pola súa participación e pola súa valiosa aportación, así como ao público asistente polo seu interese e compromiso. Que este tipo de actos continúen sendo unha inspiración para seguir defendendo a nosa lingua e identidade!
Ata a próxima!






















VIDEO RESUME >>>>> https://www.facebook.com/watch?v=961376639299913
