RESEÑA DA CONFERENCIA “O CEO DE ROSALÍA”, DE MARTIN PAWLEY, CON MARISA BARREIRO. 28/02/25. CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO)

Esta noite de venres tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba o último acto programado polo Iescha englobado no programa O IESCHA NO MES DE ROSALÍA: Unha conferencia “O Ceo de Rosalía”, a cargo de Martín Pawley, unha figura fundamental na divulgación científica e na crítica cinematográfica. Marisa Barreiro agradeceu enormemente a súa presenza así como o feito de mencionar ao IESCHA na súa entrevista en El Progreso, recoñecendo o traballo colectivo que fai posible estes encontros culturais. E comentou que Martin Pawley, ademais de ser un gran divulgador en astronomía, é un dos fundadores da Asociación Ío da Coruña. 

O conferenciante comezou a súa charla falando do quinto aniversario da estrela “Rosalíadecastro”, bautizada así tras unha votación popular onde arrasou fronte a outras propostas. Martín levounos por unha viaxe fascinante a través do cosmos, falándonos de Riosar, o exoplaneta asociado á estrela, e vinculando esta historia coa figura de Ánxel Casal e as editoriais Lar e Nós. Explicounos que a estrela Rosalía atópase na constelación de Serpentario, preto de Marfik, ofrecéndonos unha nova perspectiva sobre o legado da nosa escritora.

O fío condutor da charla foi a relación entre Rosalía e o ceo. Martín falounos de como na súa poesía aparecen multitude de referencias ao firmamento, á orientación e ás estrelas, conectándoo co Himno Galego, que menciona a terra, o mar e o ceo. Ademais, levounos da man polas marabillas do universo: a Osa Maior, a estrela Polar, os calendarios, os planetas e as escalas do cosmos.

Tamén houbo espazo para a ciencia e a conciencia ambiental. Reflexionou sobre a exploración espacial, lembrou a Carl Sagan e puxo o foco na contaminación lumínica como un dos grandes problemas ambientais da actualidade. Todo isto misturándoo coa poesía de Rosalía, nunha combinación que nos fixo comprender a grandeza da súa obra dende unha nova perspectiva.

Martín rematou cunha mensaxe clara e directa: “Hai que ler a Rosalía, e hai que lela ben!”. 

Unha conferencia que nos deixou cos ollos no ceo. Grazas, Martín, por esta fermosa viaxe!

Grazas tamén ao público asistente.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME >>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/674894018205004

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad