RESEÑA DA CONFERENCIA “OTERO PEDRAYO E A XERACIÓN NÓS”, IMPARTIDA POR VICTORINO PÉREZ PRIETO. XOVES 29 DE OUTUBRO DE 2026. CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO RESUME E FOTOS)

O IESCHA afonda na figura de Ramón Otero Pedrayo e na súa vinculación coa Xeración Nós

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu na noite deste xoves, 29 de outubro, a conferencia «Otero Pedrayo e a Xeración Nós», impartida por Victorino Pérez Prieto, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba.

A presentación correu a cargo de Manuel Castro Santamariña, membro da Xunta Directiva do IESCHA, quen destacou o amplo currículo do conferenciante, as súas anteriores colaboracións e a súa idoneidade para abordar a figura de Otero Pedrayo. Lembrou tamén a recente ruta cultural organizada polo IESCHA a Trasalba, á casa de Pedrayo. 

Na súa intervención, Victorino Pérez Prieto manifestou a súa especial paixón pola figura de Otero Pedrayo, lembrando que falar del é falar tamén da Xeración Nós. A conferencia comezou cun percorrido pola revista Nós (1920-1936), o compromiso dos seus integrantes coa cultura galega e a ruptura que supuxo a Guerra Civil.

O conferenciante destacou as tres grandes figuras da xeración —Risco, Castelao e Otero Pedrayo—, xunto con outros nomes fundamentais como Cabanillas, Vilar Ponte, Cuevillas, Losada Diéguez, Xoán Vicente Viqueira e Alexandre Bóveda.

Unha parte central da charla estivo dedicada á biografía e á extensa obra de Otero Pedrayo, autor próximo ao centenar de libros en diferentes xéneros literarios. Pérez Prieto afondou tamén no seu pensamento e na súa particular visión do mundo, salientando o seu humanismo cristián, o liberalismo, o valor da amizade, o profundo amor á terra e o seu compromiso incondicional con Galicia. Abordou, así mesmo, a súa cosmovisión relixiosa e as súas reflexións sobre a morte, o alén e a resurrección.

A intervención rematou coa lectura dun fragmento de Xoves Santo, como achega final ao universo literario e espiritual do escritor ourensán.

Dende o IESCHA agradecemos a Victorino Pérez Prieto a súa participación e interesante exposición, así como ao público asistente, e reafirma o seu compromiso coa divulgación e posta en valor das figuras e movementos fundamentais da cultura galega.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME DO ACTO>>>> https://www.facebook.com/reel/1461788982755833

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad