RESEÑA DA ENTREGA DO VIII PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE A EVA MEJUTO POR “QUECO E KIKA”

VIII Premio Agustín Fernández Paz: unha noite para celebrar a palabra, a memoria e a esperanza

A gala de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz á súa gañadora Eva Mejuto levouse a cabo onte sábado 25 de outubro de 2025, no Auditorio Municipal de Vilalba, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.  Celebrouse, unha vez máis, nunha tarde-noite cargada de lembranzas e chea de cultura e compromiso coa lingua e coa literatura galega. Un acto entrañable no que, ademais de recoñecer o talento literario, serviu para reafirmar a importancia de seguir apostando pola creación en galego e pola difusión da nosa cultura entre as novas xeracións.

O evento, conducido, coa súa habitual elegancia e profesionalidade, por Carmen Hermida, converteuse nunha viaxe pola memoria e o legado dun dos nosos escritores máis queridos.

No comezo, Carmen fixo un percorrido pola figura de Agustín Fernández Paz, lembrando o seu traballo a prol da mocidade, a súa fidelidade á lingua galega e o seu exemplo como modelo de escritores e cidadáns comprometidos. Presentou tamén a gañadora desta edición, Eva Mejuto, e explicou o formato da gala, nun ano especialmente simbólico, pois o IESCHA conmemora neste ano o seu 25 aniversario. Como recordo, todos os presentes recibiron un pin conmemorativo.

A parte musical abriu con forza grazas ao grupo AC Andrade, que interpretou con mestría a Danza das Burgas, unha peza de música galega, chea de sentimento e raíz. A continuación, o grupo de alumnas da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva, coordinadas por Sabela Figueiras, emocionaron ao público coa lectura de fragmentos de obras de Agustín, todo humanidade e tenrura.

A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, tomou entón a palabra para, en primeiro lugar, expresar o agradecemento á familia de Agustín, á gañadora deste VIII Premio, ás entidades colaboradoras, ás persoas participantes e as presentes, así como a Pedro Cabarcos, autor do debuxo de Agustín que presidiu o fondo do escenario durante toda a gala xunto con fragmentos do Manifesto de 2012 do escritor, tan vixente hoxe como entón. Denunciou con firmeza, como moitas outras veces ten feito, a barbarie das guerras e das inxustizas, expresamente, o xenocidio de Gaza. Criticou tamén a falta de compromiso do goberno da Xunta coa lingua galega —“unha gran obra de arte que ninguén debería destruír”— e destacou que este premio é unha continuidade do pensamento e do compromiso de Agustín, poñendo en valor a lectura como ferramenta de liberdade. Rematou a súa intervención recitando un fermoso e emocionante poema de Manuel María.

A actuación do Minicoro da ESMUVI, dirixido por Baruk Domínguez, encheu o auditorio de maxia cunha interpretación tenra e cautivadora de dúas pezas en “homenaxe ás que cantan, ás que cantaron e ás que cantarán”.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a importancia deste Premio para manter vivo o legado de Agustín Fernández Paz, quen nos ensinou a mirar o mundo con ollos críticos. Subliñou o compromiso coa lingua galega e coa diversidade que representa a obra premiada, e expresou o orgullo de que a Biblioteca Municipal leve o nome de Agustín, símbolo da fonda relación de Vilalba coa lectura e coa cultura.

A través dun vídeo, Fran Alonso, director de Xerais, amosou a súa satisfacción pola madurez e recoñecemento que alcanzou xa este Premio. Definiu a Eva Mejuto como “unha contadora de historias” e falou con entusiasmo do seu libro Queco e Kika, unha obra fresca e divertida que celebra a diversidade familiar.

A Escola Municipal de Teatro de Vilalba deslumbrou ao público coa súa impactante posta en escena de “Mírame”, unha peza sobre a liberdade das mulleres e contra os estereotipos, que rematou cunha poderosa proclama: “Son muller: Mírame!”

O membro do xurado, Manuel Bragado, explicou despois os criterios da elección da obra gañadora, destacando o valor deste encontro anual como unha festa da mellor literatura infantil e xuvenil galega e como un espazo para manter viva a memoria de Agustín. Avanzou, ademais, que o próximo ano será moi especial: celebrarase a X edición do Premio AFP e presentarase a candidatura de Agustín Fernández Paz ás Letras Galegas, xunto coa preparación dunha biografía escrita por Isabel Soto. Bragado definiu o libro de Eva Mejuto como “unha preciosa fábula de animais, historia de amor e humor escrita cos fíos da vida, como diría o propio Agustín”. Pechou a súa intervención cun texto reivindicativo do escritor, e cunha frase que resoou en todo o Auditorio: “Que sexa a estrela da Paz a que sempre nos guíe.”

Trala lectura da acta do Xurado por parte do secretario do IESCHA, Eva Mejuto recibiu emocionada o VIII Premio Agustín Fernández Paz. No seu discurso, agradeceu ao Instituto de Estudos Chairegos, ao Concello de Vilalba e a Edicións Xerais o apoio constante, e compartiu lembranzas persoais da súa relación coa lectura e coa lingua. Lamentou que só o 8% dos libros vendidos en Galicia sexan en galego, reivindicando a necesidade de apoiar a nosa lingua con feitos e con ilusión. Falou da xenerosidade e humildade de Agustín, de quen recibiu consellos e motivación para escribir. “A miña felicidade —dixo— sempre estivo preto dun libro.” Rematou citando unha das frases máis fermosas de Agustín: “Onde hai unha biblioteca, hai unha luz.”

Carme Hermida puxo o punto final, agradecendo a todas as persoas e entidades que fixeron posible o acto, Iescha, Concello e Xerais; á Concellaría de Cultura; ao persoal técnico de Allentum; a Noelia, de Axorlu-Lugo, que se encargou da linguaxe de signos; ao público asistente, e, por suposto, felicitando a Eva Mejuto, así como ao flamante gañador do IX Premio AFP, de quen desvelou o seu nome: Fran Fernández Davila.

A gala rematou definitivamente co regreso ao escenario da AC Andrade para interpretar unha segunda peza antes de dar paso ao Himno galego, que tocaron coa axuda vocal de Baruk Domínguez e do público posto en pé. Longo e sentido aplauso final.

Foi, sen dúbida, unha noite para lembrar. Unha noite de emoción compartida, de lembranza e esperanza, un espello no que Vilalba mirou a súa alma cultural onde sempre atoparemos a pegada viva de Agustín.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS

VIDEO RESUME DA GALA: https://www.facebook.com/watch?v=1558880188874919

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad