
Manuel María, o poeta da Terra Chá, ese que fixo da nosa lingua bandeira e da nosa paisaxe poesía, volveu ser centro de lembranza, palabra e emoción compartida. Nin siquera o vento e a choiva que fixeron acto de presenza durante a mañá foron quen de frear o agarimo das persoas que se xuntaron a carón da escultura para honrar a súa memoria no XXI cabodano.
Durante o acto, celebrado este domingo 7 de setembro no Espazo Manuel María, foron lidos diversos poemas da súa obra, versos que seguen a resoar tan actuais e necesarios coma no día en que foron escritos. Cada lectura converteuse nunha pequena ofrenda, nun xeito de dicirlle ao poeta que seguimos a camiñar coa súa voz acesa.
A música tamén tivo un lugar destacado grazas a Carlos Gómez Osa, que amenizou o acto cun repertorio que viaxou entre pezas galegas, portuguesas e composicións feitas a partir dos propios textos de Manuel María. A súa interpretación fixo vibrar as palabras, unindo música e poesía nun mesmo latexo.
Ao final, como non podía ser doutro xeito, ergueuse unha vez máis a reivindicación que segue pendente: que a Casa da Cultura leve o nome de Manuel María, como recoñecemento merecido a quen tanto fixo pola cultura galega en xeral e polo noso pobo, en particular.
O remate foi colectivo e festivo: todas e todos cantaron “O Cuco”, un dos poemas emblemáticos do poeta chairego. As voces unidas convertéronse nun símbolo de esperanza e de compromiso coa lingua e coa cultura que Manuel María amou e defendeu ata o último momento.
Dende o Iescha, cómpre agradecer fondamente, unha vez máis, a Carlos Gómez Osa a sua disposición e o seu magnífico traballo; ás persoas que puxeron voz aos poemas e a todo o público asistente. Grazas a eles, o acto converteuse nun encontro vivo e sentido, á altura da memoria dun poeta que segue a guiarnos co seu exemplo. Grazas tamén ao Concello e a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo pola súa inestimable colaboración.
Ata a próxima!!!























VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1461366185011966
