
MAXIA, SORPRESAS E UNHA CONSTATACIÓN
Dende a mesma chegada á entrada do Auditorio vilalbés xa se percibía que esta inauguración non ía ser como as demais. Algo flotaba no aire, unha emoción compartida, unha expectación contida… como se todos intuísemos que estabamos a piques de vivir un deses momentos que quedan gravados, non só na memoria, senón tamén no corazón. E así foi.
A maxia fíxose presente dende o momento da espera, nesa entrada onde os cadros agardaban boca abaixo, descolgados, como silenciosos segredos a punto de revelarse. Un a un, foron colocados por familiares, amizades e mesmo polas mesmas persoas retratadas, nun xesto íntimo, case ritual, que converteu a inauguración nun acto de auténtica emoción colectiva. A sorpresa chegou cando descubrimos que, entre tantas facianas protagonistas da cultura e da vida local, tamén estaban algúns membros das directivas do IESCHA ao longo destes 25 anos. Un xesto fermoso e profundamente simbólico: cada retrato, unha historia; cada pincelada, un anaco de IESCHA.
E así chegou a constatación: a profesionalidade inmensa e a humanidade aínda maior de Pedro Cabarcos, o verdadeiro artífice desta exposición conmemorativa, quen soubo capturar non só rostros, senón tamén esencias.
A voz da presidenta, Marisa Barreiro, foi clara e sentida: esta exposición é de todos e para todos. Montada grazas á implicación das familias dos retratados, naceu da maxia dun primeiro momento e da decisión compartida de facer algo especial para o XXV aniversario do IESCHA. Das conversas iniciais xurdiu a idea, da paixón de Pedro polo retrato tomou forma. O cadro inicial, o de Agustín Fernández Paz, foi o punto de partida dun camiño que levou a seleccionar 25 retratos, e que poderían ser moitos máis, claro, porque a xenerosidade de Pedro non coñece límites. Pero algún había que poñer. Marisa expresou unha gratitude eterna pola súa entrega e polo magnífico traballo realizado.
E falou o artista, Pedro Cabarcos. Fíxoo con humildade, explicando que a arte é parte da vida, e que esta exposición naceu dende o cariño máis profundo. Retratou persoas máis ou menos coñecidas para el, recoñecendo nelas un valor compartido: o altruismo da xente da cultura, esa que tantas veces pasa desapercibida. Quixo facer estes retratos para o IESCHA, como homenaxe sincera a todos os que suman e constrúen. Deu as grazas ás familias e a todo o público presente, lembrándonos que na cultura sempre se precisa de xente altruista.
Houbo tamén palabras espontáneas que fixeron vibrar o ambiente: “Non só retratou á persoa, tamén lle pintou a alma”, dixo emocionada Marica Campo, unha das retratadas. “Fantástica exposición” , resumiu agradecida Loli Mato, filla de Rosendo Mato, un dos retratados. Non facía falta dicir máis: eran palabras que chegaban directamente ao corazón.
A exposición “Retratos” é algo máis que unha mostra pictórica: é un acto de memoria, de recoñecemento e de afecto. É un espello colectivo onde se reflicte a historia compartida do IESCHA nestes 25 anos, a forza da cultura como motor comunitario e o compromiso dun artista, Pedro Cabarcos, que soubo transformar a gratitude en arte. Foi unha inauguración máxica, participativa e profundamente humana. Unha desas experiencias que lembran por que a cultura é o lugar onde nos reencontramos.
Grazas, de corazón, Pedro, pola túa xenerosidade, polo agarimo posto en cada trazo e por regalarnos esta exposición inesquecible. Grazas ás familias e ás persoas retratadas pola súa implicación, por compartir emocións e facer da inauguración un acto vivo. Grazas ao público asistente e a todas as persoas que, nestes 25 anos, fixestes do IESCHA un espazo de encontro e cultura.
Agora toca (ata o 31 de decembro) pasear pola sala con calma, deterse diante das obras e deixar que cada mirada nos fale.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS DO ACTO DE INAUGURACIÓN






































































































VIDEO-RESUME FOTOGRÁFICO DO ACTO
