
Este luns 23 de febreiro de 2026, o Instituto de Estudos Chairegos celebrou no Parque Rosalía de Castro a tradicional ofrenda floral ao carón do monólito dedicado a Rosalía de Castro, dentro da programación especial organizada ao longo do mes para honrar a súa memoria.
A xornada desenvolveuse nunha mañá luminosa e agradecida tras tantos días de choiva, que contribuíu a crear un ambiente especialmente emotivo e acolledor. Ao pé do monólito, numerosas persoas participaron nun acto aberto á cidadanía, no que se foron sucedendo as lecturas públicas de distintos poemas da autora, nun exercicio colectivo de lembranza e reivindicación da súa palabra, sempre viva e necesaria.
Cómpre salientar de maneira moi especial a participación próxima e afectiva das amigas e amigos do Centro Ocupacional de Vilalba, que tomaron parte activa na lectura dos textos e que xa colaboraran previamente na elaboración da árbore simbólica que o Iescha repartiu entre os centros educativos para homenaxear a Rosalía. A súa implicación, sensibilidade e entusiasmo engadiron ao acto unha dimensión humana que foi moi valorada polas persoas asistentes.
No transcurso da homenaxe, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, deu lectura ao Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía 2026, titulado “Mais eles tamén perdidos”, da autoría de Eva Veiga. Nun dos seus fragmentos salientouse que: “Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración”. Unha chamada clara á conciencia colectiva e ao compromiso social, en plena sintonía co pensamento e coa obra da nosa poeta.
O acto rematou reafirmando a vixencia do legado rosaliano e a necesidade de seguir facendo da palabra un instrumento de dignidade e esperanza.
Antes de poñer o punto final á xornada, a Xunta Directiva do Iescha levou a cabo a súa xuntanza mensual arredor dunha mesa compartida, na que non faltou un saboroso Caldo de Gloria, receita humilde e simbólica inspirada no poema rosaliano que evoca a dignidade na pobreza e a capacidade de crear sustento e esperanza a partir do pouco. Elaborado con ingredientes sinxelos, este caldo converteuse nos últimos anos nun xesto colectivo de memoria e reivindicación, unha maneira de traer á mesa a palabra de Rosalía e de celebrar, tamén desde a gastronomía tradicional, a identidade e a cultura do noso pobo. Foi un momento de conversa, convivencia e renovación de compromisos para seguir traballando a prol da cultura galega, en xeral, e chairega, en particular.
Por fin, desde o Iescha, queremos agradecer fondamente a participación de todas as persoas que nos acompañaron nesta xornada tan significativa e, dun xeito moi especial, reiterar o noso recoñecemento e gratitude a todo o persoal que conforma o Centro Ocupacional Terra Chá de Vilalba, pola súa entrega, ilusión e exemplo. Sen dúbida, fixeron desta homenaxe un acto aínda máis fermoso e inesquecible.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS DO ACTO




























































VIDEO RESUME DO ACTO
