
A Sala do Auditorio Municipal de Vilalba acolleu este venres 20 de febreiro a palestra de Francisco Rodríguez “Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe”, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, dentro dos actos do Mes de Rosalía. O acto converteuse nunha viaxe pola vida, a obra e a dimensión histórica dunha autora que, como quedou claro ao longo da intervención, segue plenamente vixente.
A presentación correu a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen puxo en valor o privilexio de contar con persoas tan implicadas e recoñecidas arredor desta exposición, que poderá visitarse ata o día 27 e que merece moito a pena. Destacou o traballo colectivo que hai detrás: os debuxos de Pepe Carreiro, a súa importancia para facer máis accesible e visual o contido, e tamén o labor do deseñador Bruno Lopes, a quen se referiu salientando o seu compromiso persoal e as dificultades que tivo por amosar publicamente o seu apoio ao pobo palestino. E, por suposto, subliñou a relevancia dos textos De Francisco Rodríguez, verdadeiro especialista e profundo estudoso da vida e obra de Rosalía. “É un luxo telo hoxe aquí con nós”, afirmou, antes de darlle a palabra.
Francisco Rodríguez comezou desentrañando os elementos básicos da exposición, explicando as claves que permiten entender non só a traxectoria vital de Rosalía, senón tamén a forza e actualidade do seu pensamento. Ao longo da súa intervención quixo demostrar a vixencia de todo o escrito pola autora, á que definiu, sen ambaxes, como a mellor poeta de todas as literaturas hispanas do século XIX.
A súa análise centrouse en dous grandes aspectos: por unha banda, a personalidade de Rosalía; pola outra, o contexto social e histórico no que viviu. Falou dunha muller pertencente a unha clase social en declive, mais cunha grande formación cultural. Era, segundo explicou, a grande esperanza da súa clase, protexida polo seu avó e polo seu tío nunha etapa decisiva da súa vida.
Non faltaron referencias aos malos tempos en Madrid xunto a Murguía, nin á vida social e política da capital, onde Rosalía se consideraba unha especie de bohemia: unha muller libre, independente e consciente do seu valor. Francisco Rodríguez salientou tamén as críticas que recibiu por escribir en galego.
Nun momento da charla, expresou o seu criterio persoal ao comparar a Rosalía con García Lorca, afirmando que, ao seu xuízo, ela é moi superior como poeta e que Lorca está, en certa medida, sobrevalorado. Máis aló diso, a afirmación serviu para reforzar a idea central da palestra: a dimensión extraordinaria da autora de Cantares Gallegos.
Falou da primeira publicación desta obra fundamental, coa que Rosalía tentou demostrar que Galicia era un pobo con sentimentos, con dignidade e con voz propia. A continuación abordou Follas Novas, que cualificou como un libro de libros, onde se mostra unha Galicia tratada cun realismo de fonda carga simbólica, cunha conciencia galega elevada e mesmo cunha visión crítica do capitalismo emerxente.
Tamén lembrou o regreso de Rosalía a Padrón e compartiu algunhas anécdotas interesantes sobre a relación doutros escritores españois coa poeta.
O acto completouse co recitado de varios poemas de temática diversa, que Francisco Rodríguez foi comentando para destacar aspectos literarios, ideolóxicos e humanos.
A palestra rematou cunha chamada clara e directa: ler a Rosalía. Porque, como quedou patente ao longo da tarde, a súa obra non só pertence ao pasado, senón que segue falándonos hoxe con forza, lucidez e compromiso.
Por parte do Iescha, cómpre rematar cun sincero e profundo agradecemento a Francisco Rodríguez pola súa xenerosidade, claridade e paixón á hora de compartir coñecemento arredor da palabra e da memoria de Rosalía.
E, por suposto, grazas tamén ao público asistente, que malia a frialdade do ambiente pola falta de calefacción na sala, permaneceu atento e participativo ata o final.
Atra a próxima!
GALERÍA DE FOTOS DO ACTO
































VIDEO RESUME DO ACTO
