RESEÑA DA PALESTRA DE PILAR GARCÍA NEGRO “LIEDERS: NACE UNHA ESCRITORA, ROSALÍA DE CASTRO”. 22-04-25, CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO RESUME)

O acto comezou coa intervención de Marisa Barreiro quen, antes de nada, fixo unha fermosa lembranza do monolito dedicado a Rosalía de Castro no parque de Vilalba que leva o seu nome, onde se pode ler un fragmento da súa obra “Líeders”. Marisa salientou tamén o orgullo que supón para o IESCHA contar con Pilar García Negro, unha persoa moi recoñecida e con ampla traxectoria no estudo da autora, ademais de ser quen escribiu o limiar da nova edición desta obra. Segundo comentou, “é todo un luxo poder escoitala falando de Rosalía de Castro”.

Pilar García Negro, na súa intervención, felicitou en primeiro lugar ao IESCHA polo seu traballo constante e variado na difusión da cultura e tamén pola importancia que se lle ven dando á figura de Rosalía de Castro en Vilalba. Agradeceu a presenza do público e adiantou que o seu obxectivo ara axudar a entender mellor a Rosalía, quen foi moito máis ca unha escritora: foi unha muller adiantada ao seu tempo, cunha visión moi clara do que quería expresar.

A partir de aquí, fixo un percorrido pola vida de Rosalía desde a súa mocidade. Nos anos cincuenta do século XIX, xa participaba en reunións de grupos progresistas, como o Liceo da Xuventude, e recitaba poemas, sendo tamén actriz e autora. Con só 21 anos publicou o seu primeiro libro, “La Flor”, e xa daquela se notaba a súa valentía e a súa vontade de romper coas normas impostas.

Un dos puntos centrais da charla foi o texto “Líeders”, unha obra moi especial, un texto de prosa-poesía con fonda inspiración romántica. Pilar García Negro leu fragmentos que amosaron a forza dunha Rosalía nova pero moi consciente do seu papel como muller, galega e creadora. A obra contén ideas moi avanzadas para a época, defendendo o dereito das mulleres a pensar, sentir e expresarse libremente.

Tamén fixo referencia a outras obras, como a novela “Flavio”, onde Rosalía cuestiona certos estereotipos sobre as mulleres. A relatora explicou como, desde entón, Rosalía mantivo sempre un discurso moi claro a favor das mulleres, e como iso se reflicte en “Cantares Gallegos” e “Follas Novas”, onde non só defende ás mulleres senón que tamén denuncia as inxustizas que sofren. Supón unha épica das clases populares declinada en feminino. Fusión de conciencia de xénero e patriotismo.

En definitiva, a intervención de PGN foi moi enriquecedora e axudou a ver a Rosalía como unha muller valente, comprometida coa identidade galega, pioneira do feminismo e cunha voz que aínda hoxe resoa con forza. Foi unha nova homenaxe a unha figura fundamental da nosa cultura. Dende o Iescha, profundo agradecemento a Pilar García Negro por facelo posible.

Moitas grazas tamén ao Concello de Vilalba e ao público asistente.

Ata a próxima!

VIDEO RESUME>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1598090094306694

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad