
Un relato didáctico e reivindicativo sobre un conflito silenciado
Na noite deste venres 4 de abril, na Casa da Cultura de Vilalba, tivo lugar a palestra de Victorino Pérez Prieto “Palestina, um conflito. Um povo que resiste”, organizada polo Iescha, coa colaboración do Concello, e presentada por Marisa Barreiro, quen deu comezo ao acto lamentando a situación actual do mundo no que, lamentablemente, cada día se vulneran os dereitos humanos e se cometen verdadeiras atrocidades sen que se preste a atención debida. Comenta tamén que o Iescha está especialmente sensibilizado co drama tan tráxico e atroz que está a vivir o pobo palestino. Por iso, destaca a importancia de contar cunha voz que nos convida a reflexionar sobre a cultura, a tolerancia, a igualdade e a comprensión entre os pobos, pasando a presentar ao conferenciante, Victorino Pérez Prieto: unha persoa pacifista, defensora do diálogo entre culturas e comprometida de maneira permanente coa paz.
A intervención de Victorino Pérez Prieto resultou moi interesante, e nela afondou con rigor histórico o longo e complexo conflito de Palestina, compartindo non só datos e contextos, senón tamén emocións e reflexións.
Desde o inicio, deixou claro que “é un tema que lle preocupa e do que xa leva escrito bastante”. Ao longo dunha presentación moi atinada, foi explicando a través de fotos, mapas, debuxos, ilustracións e mesmo poemas recitados en directo, a historia dun pobo que, segundo as súas palabras, “ten terra propia, bandeira e unha capital xenuína: Xerusalén Este, aínda que na práctica sexa Ramalah”.
A conferencia tivo un forte compoñente didáctico, facendo un percorrido polos principais momentos históricos, e máis concretamente, desde 1948, pasando polas guerras, as intifadas, as masacres de Sabra e Shatila, a configuración do Estado de Israel e da poboación palestina, ata chegar á actualidade.
Foi tamén profundamente reivindicativa e de denuncia, recollendo frases tan contundentes como a do diplomático Mohammed Safa: “O Estado de Israel é un produto da violencia”, engadindo el con indignación que “o conflito de Palestina é unha inxustiza que dura xa demasiados anos, e o que é incrible é que ocorra á vista de todos os países”.
Dende o Iescha, agradecemos a Victorino Pérez Prieto a súa presenza no acto e a súa interesante e clarificadora aportación sobre o conflito do pobo palestino.
Grazas tamén ao Concello de Vilalba, pola cesión do espazo, e ao público asistente.
Ata a próxima!






































VIDEO RESUME >>>>> https://www.facebook.com/watch?v=4035336273408702