
Na tarde-noite deste venres 21 de novembro, na Casa da Cultura de Vilalba, tivemos a honra de asistir á palestra “Isaac Díaz Pardo, milagres e espolio”, impartida por Felipe Senén, nun acto organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba. A presidenta, Marisa Barreiro, abriu o acto subliñando a relevancia de Díaz Pardo na vida cultural galega, lembrándonos que non se podía pechar o ano sen falar del, especialmente despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes o homenaxease co Día das Artes Galegas 2025. Isaac, defensor das ideas do Seminario de Estudos Galegos, foi —coma ben destacou— unha das figuras fundamentais na recuperación da dignidade cultural do noso pobo.
Marisa tamén tivo palabras de agarimo e respecto para o relator da tarde: describiu a Felipe Senén como un home xusto, honesto, leal, e profundo coñecedor da vida e obra de Isaac. Arqueólogo de formación, ou como el prefire dicir, historiador da cultura galega, Felipe Senén acompañounos xa en moitas das rutas organizadas polo Iescha, sempre cunha mirada lúcida cara ao noso patrimonio.
Na súa intervención, Felipe Senén comezou agradecendo a oportunidade de estar en Vilalba, lugar ao que se sente unido. Falou de vencellar o pasado co presente, e fíxoo partindo da imaxe do árbore da vida.
Castelao estivo moi presente ao longo da charla. Felipe explicou que todo en Isaac parte de Castelao e de Otero Pedrayo, raíces ideolóxicas sobre as que construíu o seu pensamento e o seu compromiso coa terra.
Falou tamén de persoas vencelladas a Vilalba, como o médico e gran investigador arqueolóxico Xosé Ramil Soneira.
Non evitou falar das inxustizas do mundo, pois, como afirmou, comprender o noso pasado é tamén mirar de fronte as feridas.
E foi entón cando nos mergullou na vida de Isaac Díaz Pardo: dende a influencia do seu pai, vinculado á Xeración Nós, ata os múltiples episodios que marcaron a súa traxectoria. Falou de como Isaac foi recollendo símbolos, ilustracións, sinais da cultura galega para transformalos en arte e pensamento. Deu vida ao legado de Sargadelos, do Castro, de Edicións do Castro, do Museo Carlos Maside… proxectos que foron auténticos motores de modernización e á vez de conservación da nosa identidade.
A través das imaxes proxectadas, Felipe Senén foi describindo cadros e obras de Isaac, poñendo en valor cada pincelada, cada forma, cada idea. Reivindicou que existe unha arte galega, e que Isaac traballou toda a súa vida para que esa arte recuperase a dignidade dun pobo. Falou da necesidade de coidar a imaxe que se dá de Galicia, de protexer a cultura, a tradición e a historia. Porque Isaac buscaba un futuro construído dende as raíces.
A palestra foi un acto de memoria viva, un espazo para entender que o mellor xeito de honrar a Isaac Díaz Pardo é continuar a súa tarefa: dignificar Galicia a través do compromiso, da cultura e dun traballo feito con sentido e identidade. Porque como Isaac nos ensinou, non hai futuro sen raíces.
Dende o Iescha, dámoslle, unha vez máis, os parabéns e as grazas a Felipe Senén polo seu compromiso, pola súa paixón, pola súa dedicación e polo seu coñecemento, agardando poder disfrutar da súa presenza en moitas máis ocasións.
Grazas tamén ao Concello pola súa colaboración, así como a todas as persoas asistentes.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS DO ACTO









































VIDEO RESUME DO ACTO>>>> https://www.facebook.com/reel/1990249931822093
