RESEÑA DA PALESTRA “MEMORIA DEMOCRÁTICA”, IMPARTIDA POR XAVIER FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, COA PRESENTACIÓN DE MARISA BARREIRO. VENRES 26-06-2026, CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO RESUME E FOTOS)

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu na tarde deste venres 26 de xuño a palestra “Memoria Democrática”, organizada polo IESCHA dentro da súa programación cultural do referido mes. O acto, presentado por Marisa Barreiro, contou coa participación do investigador e profesor Xavier Fernández Rodríguez, quen ofreceu unha interesante conferencia centrada na relación entre a escola pública e a memoria democrática en Galicia.

Na súa intervención inicial, Marisa Barreiro explicou as razóns que motivaron a organización desta actividade, subliñando a importancia de crear espazos de reflexión arredor da memoria histórica e do papel da educación na construción dunha sociedade máis crítica e democrática. Presentou tamén a traxectoria de Xavier Fernández Rodríguez, profesor de Música no Conservatorio Superior da Coruña e investigador no ámbito das Humanidades, facendo especial referencia á súa tese de doutoramento, Identidade, patrimonio e comunidade. O galeguismo educativo en acción (1916-1936), un traballo que toma como referencia, entre outras iniciativas, o proxecto Arximiro Vive.

Xa na súa exposición, Xavier Fernández comezou agradecendo a asistencia do público e as palabras de Marisa, ao tempo que reivindicou a necesidade de que o coñecemento xerado nas universidades transcenda o ámbito académico e chegue con maior intensidade á sociedade e aos centros educativos.

A conferencia centrouse fundamentalmente no período comprendido entre 1931 e 1936, unha etapa decisiva para comprender a evolución da escola pública e das ideas renovadoras en Galicia. O relator explicou como o patrimonio cultural e educativo pode servir a fins sociais e políticos, e analizou a interacción entre as comunidades docentes, estudantís e investigadoras na construción dunha memoria compartida.
Ao longo da súa intervención abordou cuestións como a modernización da escola, a súa universalización, a renovación pedagóxica e o proceso de galeguización do ensino, destacando a influencia do movemento da Escola Nova e das experiencias impulsadas polo galeguismo educativo. Defendeu a necesidade de fortalecer a relación entre a escola e a sociedade civil, favorecendo a transferencia social do coñecemento mediante a educación patrimonial e a didáctica das ciencias sociais.
Entre os numerosos exemplos achegados, fixo referencia ás antigas sociedades de instrución, ao proxecto Arximiro Vive e á figura de Eudosia Lorenzo Díaz, “a muller da raia”, ilustrando a súa exposición con valiosos documentos históricos da época que permitiron contextualizar os procesos educativos e sociais daqueles anos.

O conferenciante incidiu na importancia de investigar e preservar os espazos educativos como parte esencial da memoria democrática, integrando a investigación histórica coa creación artística e promovendo unha identidade colectiva baseada na memoria, na pertenza e nunha visión internacional da educación. Así mesmo, chamou á implicación individual e colectiva para recuperar e divulgar a obra de mestres e educadores que contribuíron decisivamente á renovación pedagóxica en Galicia, defendendo a necesidade de impulsar accións concretas que permitan salvagardar ese legado e provocar cambios significativos no presente.

Tras a conferencia desenvolveuse un animado coloquio no que o público participou activamente. Entre os asuntos debatidos destacou a situación actual da formación do profesorado nas escolas de Maxisterio. Marisa Barreiro manifestou unha posición crítica respecto do modelo formativo vixente, considerando que os ritmos e as esixencias do sistema deixan pouco espazo para o pensamento autónomo e outras experiencias educativas. Tamén xurdiron reflexións sobre a capacidade de rebeldía do profesorado e sobre a necesidade de transformar determinadas dinámicas do sistema educativo. As intervencións concluíron cunha mensaxe de esperanza, insistindo en que só mediante o compromiso colectivo será posible avanzar cara a unha educación máis libre, crítica e comprometida coa memoria democrática.

Dende o Iescha, temos que trasmitir o noso agradecemento: a Xavier Fernández Rodríguez, polo seu compromiso e pola súa completa e interesante exposición; ao Concello de Vilalba, pola colaboración prestada, e ao público asistente, pola participación e interese nunha temática de indubidable relevancia para comprender o pasado e construír un futuro máis consciente e democrático.

Ata a próxima!!!

GALERIA FOTOGRÁFICA

>>>> VIDEO RESUME

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad