RESEÑA DA POLAVILA DOCAMPO 2026. HISTORIAS, AFECTOS E COMUNIDADE PARA QUE XABIER P. DOCAMPO NUNCA DEIXE DE PETAR NAS NOSAS POSRTAS. 8, 9, 10 E 11 DE ABRIL DE 2026. VARIAS LOCALIZACIÓNS DE VILALBA


Hai xornadas que non se miden polo número de actos que acollen, senón polo pouso que deixan. A Polavila Docampo deste ano foi desas: un encontro que ao longo de varios días foi construíndo, con paciencia e con afecto, un espazo de memoria arredor da figura de Xabier P. Docampo. Non como exercicio nostálxico, senón como acto vivo, como declaración de que a súa obra e a súa maneira de entender a lingua e a educación seguen a petar nas portas do presente.

O encontro foi abríndose camiño: Como inicio de todo, a Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz colaborou cunha exposición bibliográfica para achegar ás persoas usuarias a obra de Xabier Docampo. A continuación, o día 8 de abril, foi o turno de Martin Pawley cunha charla arredor do vínculo co cinema de Docampo que serviu para ampliar a mirada sobre o autor chairego, amosándoo tamén como espectador atento e cómplice das historias contadas en imaxes, nun diálogo natural coa súa propia maneira de narrar.

O día 9 trouxo unha das esencias de Docampo: a palabra dita. A contada infantil, a cargo de Ángeles Goás, devolveu ao primeiro plano a oralidade, ese territorio no que Docampo se sentía especialmente cómodo, e no que a literatura deixa de ser só texto para converterse en experiencia compartida. As crianzas, público privilexiado da súa obra, ocuparon o centro, como tantas veces acontece nos seus libros.

Xa no día 10, a inauguración da exposición O pintor cego, coas ilustracións de Xosé Cobas, e a mostra A Chaira de Xabier, as fotografías de Daniel Puente, puxeron imaxe ao imaxinario do escritor. Foi un encontro entre palabra e trazo, entre literatura e arte plástica, que permitiu percorrer visualmente algúns dos universos creados por Docampo. A xornada completouse cunha emotiva charla de Manuel Bragado arredor da súa figura como escritor chairego, reivindicando a súa fonda ligazón coa Terra Chá e coa identidade que atravesa toda a súa obra.

Estes primeiros actos foron, en realidade, unha preparación emocional para o acto central, o gran encontro do día 11: un ir entrando, pouco a pouco, na casa da memoria de Xabier P. Docampo.

Co Muíño do Rañego como escenario e un ton que non puido ser máis axeitado, próximo, case familiar, a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, presentou o acto, como xa fixera nos anteriores, e falou do Docampo mestre, do Docampo narrador, do Docampo defensor radical da lingua galega nun tempo en que iso non sempre era doado. Evocou o seu compromiso coas aulas e coas bibliotecas, e a súa convicción de que escribir e educar son, no fondo, a mesma cousa; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, lembrou o deber de recoñecelo non só como escritor senón como referente ético; Mónica González, concelleira de Cultura, reafirmou o compromiso coa cultura como tarefa continua, resaltando o traballo de Docampo a prol dela, e Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, achegou unha dimensión íntima, compartindo lembranzas persoais e subliñando esa capacidade única de Docampo para marcar infancias e adolescencias.

E foi a porta da narración a que cruzaron Beatriz Maceda, Susana Pérez e Atenea Ruibal. Beatriz falou do impulso primixenio de contar historias, das lecturas que marcaron a Docampo e da forza de “Cando petan na porta pola noite”, texto do que leu fragmentos que resonaron coa cadencia da oralidade. Porque, como lembraba o propio autor, a lingua medra cando se di. Atenea puxo o foco nas bibliotecas como espazos vivos, onde as historias circulan e se transforman, mentres Susana devolveu ao público a infancia contada, esa tradición oral que Docampo soubo dignificar.


No Paseo dos Soños, camiño do monólito que Docampo ten no “Hectómetro Literario”, a homenaxe medrou en significado. Previo paso pola Ponte do Rañego onde o alumnado do IES Basanta Silva, como se de tender pontes entre xeracións se tratase, colgou lazos cos seus medos e Xosé Manuel Santamarina agasallounos co recitado dun fermoso poema…

A media xornada, houbo tempo para gozar dun magnífico xantar no Hostal Terra Chá, no que puidemos degustar auténticos produtos da terra: o reconfortante caldo de grelos, o exquisito galo de corral, o afumado e saboroso queixo de San Simón e o delicioso roscón de Vilalba. Unha pausa gastronómica que serviu tamén para retomar folgos e encarar con enerxía os actos programados para despois.

Pola tarde, o Auditorio de Vilalba converteuse nun espazo onde todas as artes se deron a man. Primeiro, na Sala de Exposicións, compartindo espazo coas mostras de Xosé Cobas e Daniel Puente, xa mencionadas, e cos mómaros e figuras do profesor Pablo Benito e o seu alumnado do IES Basanta Silva, que xa se puideron contemplar nos días previos na Biblioteca Municipal, levouse a cabo a lectura coral de A casa da luz: Marisa, Cesáreo, Mónica, Daniel, Sabela, Arturo, Santiso, Atenea, Chema, Villarino, Antía, Irene, María Xesús, Santamariña, Beatriz, Luz e Pilar foron as voces que se alternaron e se complementaron para dar vida ao libro.

Xa no escenario do Auditorio, baixo a condución de Baruk Domínguez, Xosé Cobas puxo a dimensión persoal, feita de anos de complicidade e proxectos compartidos. Martín Pawley, nunha intervención lúcida e necesaria, lembrou a urxencia de referentes éticos como Docampo nun mundo atravesado por discursos de odio, reivindicando o “nós” fronte ao “eu”. E Daniel Puente Bello leu un poema sobre as mans —mans que coidan, que acompañan, que constrúen comunidade— que quedou flotando no aire coa delicadeza das cousas que tocan de verdade.

Houbo máis poesía, con Pilar Maseda, María Xosé Lamas, Luz Airado e Emilia Martínez Fuentes, tecendo un fío lírico fiel á sensibilidade do homenaxeado. Houbo narración oral, con Ángeles Goás e Lois Pérez recuperando esa tradición do contar que non precisa máis que a voz e a escoita atenta. A Escola de Teatro de Vilalba levou ás táboas un anaco de Cando petan na porta pola noite, e a escena devolveu ao público a intensidade dos medos e das preguntas que atravesan a obra, demostrando que segue viva e capaz de interpelar.

A música pechou o círculo. A Banda de Vilalba, dirixida por Dani Veiga, puxo son a esa memoria compartida. A Muiñeira de Chantada, unha das favoritas de Docampo, e Lela, coa voz de Rosana Domínguez, soaron case como un agarimo de despedida.

O peche foi de agradecemento, sentido e colectivo, porque detrás dunha celebración así sempre hai unha rede de vontades: a asociación Polavila, a AELG, o IESCHA, Prolingua, o Concello de Vilalba, os centros educativos, o persoal técnico do auditorio e o público que encheu os espazos. Porque isto non foi só unha homenaxe. Foi un acto de comunidade, unha maneira de dicir entre todas e todos que a lingua, a cultura e a memoria de Xabier P. Docampo seguen vivas cada vez que alguén decide escoitar, contar ou ler unha historia.

E iso, ao cabo, é o que el sempre defendeu: que as historias son unha forma de coidar o mundo.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME DOS ACTOS DA POLAVILA 2026

https://www.facebook.com/reel/1343907247555334

FOTOS DO ACTO CENTRAL DA POLAVILA DOCAMPO 2026

https://www.facebook.com/photo/?fbid=27044907631759257&set=pcb.27044924568424230

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad