
A presentación do libro “A fraga dos Teixos”, de Xosé Salvadores, levada a cabo na noite deste venres, 7 de novembro, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, comezou cunha proxección audiovisual que nos anticipou a temática da publicación. Unha maneira interesante de abrir boca antes da conversa que viría despois: un diálogo compartido para coñecer detalles e reflexionar sobre a problemática forestal.
Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, foi quen abriu o acto lembrando que se trataba dunha oportunidade para conversar, preguntar, opinar e aprender. Presentou a Xosé Salvadores, enxeñeiro técnico agrícola, profesor de Debuxo, presidente da Fundación Eira, membro de ADEGA e persoa moi comprometida co país e co territorio.
Destacou Marisa o valor do teixo como árbore milenaria e resistente, antes abundante en Galicia e hoxe cada vez máis escasa. Lembrou tamén que o libro é, en realidade, un caderno de campo, un traballo de observación e de amor pola natureza.
Despois tomou a palabra Chema, membro da Xunta Directiva do Iescha, quen deu a benvida a Xosé Salvadores a Vilalba, ou a Vilouta (situada nun outeiro), e “a esta Casa da Cultura que debería levar xa hai tempo o nome de Manuel María”, subliñou Chema con ton máis reivindicativo. Falou tamén da tolemia creadora que aparece no vídeo e das palabras que definen o traballo do autor: flora, fauna, natureza e toponimia.
Cando lle tocou falar a Pepe Salvadores, comezou agradecendo ao IESCHA o convite e a todo o público a súa asistencia. Falou de Vilalba, da amizade (lembrando ao seu benquerido amigo Fidel) e do compromiso co territorio. Despois entrou de cheo no tema do libro: o teixo, unha árbore diferente a todas. Explicou que vive séculos, que a súa madeira foi moi apreciada para a construción de barcos, e que, por iso, tamén foi vítima da súa propia calidade. Non resulta rendible a nivel forestal porque require tempo, pero é unha especie esencial para o ecosistema: refuxio e alimento de aves, amante da sombra, do frío e da humidade, resistente e silenciosa compañeira do paso dos séculos.
Non faltaron tampouco as críticas á administración, que, segundo Salvadores, “non fai o suficiente pola conservación do teixo nin doutras especies autóctonas”. Reclamou máis atención, máis educación ambiental e máis compromiso real co medio.
O acto converteuse despois nunha conversa aberta ao público, rica en lembranzas e reflexións. Falouse do teixo de Pontedeume, do veleno dos teixos no Monte Medulio, do lobo, outra especie tan simbólica como ameazada, e das plantas invasoras, como o eucalipto, que avanzan sen control e desprazan as árbores autóctonas. Mencionouse tamén o papel do cambio climático, o perigo do negacionismo, e a necesidade urxente de actuar antes de que a biodiversidade se perda por completo.
Na conversa, lembrouse que os castiñeiros, aínda que máis traballosos, son rendibles e forman parte da nosa identidade rural. Destacouse que libros como o de Xosé Salvadores deberían empregarse nos centros educativos, para reconectar ás novas xeracións coa natureza. Falouse da morte da cultura do rural: os valados, as corredoiras, os castros, as mámoas, as sebes, os cultivos… moito do que fomos desapareceu, e con iso unha parte de nós. E recomendouse finalmente: “Cando se tala unha árbore, hai que plantar dúas”.
En difinitiva, o libro “A fraga dos teixos” de Xosé Salvadores é un motivo de esperanza, unha chamada a mirar o que aínda temos e a coidar o que queda. Porque mentres haxa quen escriba sobre os teixos, e quen escoite, a fraga seguirá viva.
Dende o Iescha, só nos queda dar as grazas a Xosé, a Marisa e a Chema por facernos partícipes desta interesante proposta.
Ata a próxima!!!
GALERIA DE FOTOS DO ACTO







































VIDEO RESUME DO ACTO>>> https://www.facebook.com/watch?v=851478660657338
