RESEÑA DA PRESENTACIÓN DO LIBRO “COMIDA PARA GATOS”, DE LUZ DARRIBA. CON GERARDO CASTEDO E MARISA BARREIRO (VIDEO-RESUME)

A presentación da última obra da artista multidisciplinar e escritora Luz Darriba “Comida para gatos e outras delicatessen indixestas”, organizada polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, tivo lugar onte venres 25 de maio, na Casa da Cultura de Vilalba, nun acto emotivo e comprometido, conducido por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, quen comezou dando a benvida e agradecendo a presenza da autora Luz Darriba e de Gerardo Castedo, que a acompañou musicalmente neste acto.

Marisa fixo un breve pero sentido retrato da autora, definíndoa como unha muller con maiúsculas, das que loitan o dobre para construír un mundo mellor. Destacou a súa honestidade, seguridade, expresividade e firmeza na defensa da igualdade e contra o machismo, así como o seu compromiso coa nosa lingua e coa denuncia de inxustizas como o xenocidio en Gaza. Luz Darriba foi recoñecida con numerosas distincións ao longo da súa traxectoria, que avalan o seu labor constante a prol da xustiza e a cultura.

A continuación, Marisa introduciu a obra protagonista da velada: “Comida para gatos e outras delicatessen indixestas”, un libro composto por dez relatos que parten dunha frase inicial doutro autor ou autora. Léronse algúns fragmentos do limiar escritos pola propia Luz, nos que xa se percibe a intensidade e a fondura da súa proposta literaria. Non faltou a referencia á súa orixe: “formiguiña uruguaia”, como así a chamou o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel.

Luz Darriba agradeceu fondamente as palabras de Marisa e presentou a Gerardo Castedo, compañeiro inseparable en moitas das súas intervencións públicas, que coa súa guitarra foi enchendo o acto de música e emoción. A estrutura do evento foi áxil e amena: Luz ía comentando aspectos do libro e da súa visión do mundo e a continuación Gerardo interpretaba cancións cargadas de historia e sentimento.

1. Papá, cuéntame otra vez, de Ismael Serrano

2. Cuéntame un cuento, de Celtas Cortos

3. Todo cambia, de Mercedes Sosa

4. Canto a la libertad, de José Antonio Labordeta

5. Bella Ciao, canción popular da resistencia italiana

A autora compartiu tamén co público a súa visión do momento actual, que definiu como “moi estraño”, aínda que se declarou optimista e convencida de que a humanidade atopará o camiño para sobrepoñerse ás dificultades. Lembrou tamén os seus primeiros pasos na escrita, cando xa desde nena pedía aos seus pais que lle contasen contos. Aproveitou para reflexionar sobre as características do conto e do relato, destacando que “o conto é un acto de liberación”. Segundo explicou, detrás de cada un dos relatos do libro hai unha ou varias historias reais que o inspiraron.

Antes de rematar, Marisa deu lectura ao relato “Reconstrución”, un dos máis impactantes do libro, e de fondo, a guitarra de Gerardo que o envolveu nunha atmosfera íntima.

O acto pechouse con dúas frases e unha canción que resumiron o espírito da xornada:

Marisa: “Un libro para ler, para reflexionar.”

Luz: “Que non nos van quitar a alegría.”

Canción final: “O Bella Ciao”, símbolo de resistencia italiana, memoria e esperanza compartida, interpretada por Gerardo e polo público asistente.

Desde o IESCHA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Luz Darriba pola súa sempre interesante presenza e pola forza e sensibilidade das súas verbas, así como a Gerardo Castedo, cuxa música deu luz e emoción a cada instante do acto.

Grazas tamén a todo o público asistente, por compartir con nós e participar desta experiencia literaria e humana, que serven para reafirmar o valor da cultura como espazo de encontro, compromiso e liberdade.

E moitas grazas ao Concello de Vilalba pola colaboración e a cesión do espazo.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=3710538289089483

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad