RESEÑA DA PRESENTACIÓN DO LIBRO “HOXE TOCA LEIVA?”, DE LOIS PÉREZ. CO ACOMPAÑAMENTO DE MARISA BARREIRO. VENRES 19 DE XUÑO DE 2026. BIBLIOTECA MUNICIPAL “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ” DE VILALBA

Que mellor lugar para presentar un libro que unha biblioteca, e máis aínda se leva o nome dun dos grandes referentes da literatura galega como Agustín Fernández Paz. Pois ben, a Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba acolleu na tarde deste venres 19 de xuño a presentación da novela Hoxe toca Leiva?, da autoría de Lois Pérez e publicada por Edicións Xerais. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) coa colaboración do Concello de Vilalba, contou coa participación da nosa presidenta, Marisa Barreiro, que foi a encargada de introducir o encontro e dialogar co escritor.

Na súa intervención inicial, Marisa Barreiro cualificou a obra como un libro especial, co que confesou compartir moitas cousas. Destacou ademais o carácter coral da novela, construída arredor de numerosos personaxes que van revelando historias e situacións capaces de manter a atención do lector ata o final.

Pola súa banda, Lois Pérez agradeceu a asistencia do público e afondou en diversos aspectos da obra. Referiuse ás citas literarias que aparecen ao longo da narración e explicou a relación do título co coñecido cantante Leiva.

O autor sinalou que a novela transcorre principalmente na época actual, en San Vicente do Mar, no Grove, un espazo frecuentado por numerosos artistas, mais tamén incorpora unha liña temporal situada no ano 1979, durante as mobilizacións contra a central nuclear de Xove. Segundo explicou, esa parte da obra recolle a loita dunha xeración por construír un mundo mellor e por defender os seus ideais.

Lois Pérez definiu Hoxe toca Leiva? como un libro dinámico e accesible, pensado para enganchar desde as primeiras páxinas. Unha novela que combina momentos de humor con outros de maior profundidade emocional, capaz de divertir, emocionar e sorprender ao lector. Durante a conversa con Marisa, foi comentando algúns dos personaxes que protagonizan a trama, todos eles dotados de características propias e de historias que se entrecruzan ao longo do relato.

O encontro desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, alternando as explicacións do autor con anécdotas relacionadas coa creación da novela. A sesión completouse coa lectura dalgúns fragmentos da obra, que permitiron ao público achegarse directamente ao estilo narrativo do escritor.

Dende o IESCHA queremos expresar un agradecemento especial a Lois Pérez pola súa presenza e pola xenerosidade á hora de compartir co público os detalles da súa obra, así como ao persoal da Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz pola súa colaboración e pola súa disposición para acoller actividades culturais que contribúen á promoción da lectura e da cultura galega.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME FOTOGRÁFICO

https://www.facebook.com/reel/1012163621289603

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad