
Moi interesante o acto de presentación do libro SPEECHWRITER, de PAULO NASEIRO, que, organizado polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, tivo lugar onte xoves 30 de xaneiro, na Casa da Cultura. Comezou coa intervención da presidenta Marisa Barreiro, quen antes da nada quixo subliñar a importancia de dar visibilidade ás obras escritas na nosa lingua, á par que facía un chamamento á defensa do galego, convidando a asistir á mobilización do vindeiro domingo 23 de febreiro en Compostela.
O evento desenvolveuse en formato de conversa entre o autor Paulo Naseiro e Chema Felpeto, membro da xunta directiva do Iescha. A presidenta presentou ao autor como unha persoa polifacética, con diversas e variadas inquietudes, con gran curiosidade e compromiso, así como cunha notable capacidade de adaptación ante diferentes adversidades. Tamén salientou a figura de Chema Felpeto, a quen calificou como persoa sempre disposta a colaborar.
A conversa arrancou con preguntas de Chema a Paulo, dando pé a unha serie de temas de interese: Falouse da evolución tecnolóxica e do desafío de trasladar ao papel contidos que previamente estiveran dispoñibles na rede. Chema expresou a súa preferencia polo formato físico e agradeceu a Paulo a decisión de publicar o libro en papel. Este comentou que a obra será editada na medida en que haxa demanda.
Outro dos temas destacados foi a cuestión lingüística. Aquí Paulo manifestou a súa postura favorable á reintegración do galego escrito na súa familia lingüística lusófona, aínda que recoñeceu a complexidade do momento actual, no que considera que poidera ser máis útil conservar ambas grafías. En canto á situación do idioma e á política lingüística, criticou a falta de apoio do goberno galego á preservación da nosa lingua, aínda que tamén sinalou que un goberno por si só non pode deter o seu declive. Defendeu que, cando menos, as administracións deberían evitar poñer atrancos e insistiu na necesidade dun compromiso social amplo, sustentado nunha clara conciencia de País.
En canto ao argumento do libro, abordouse a súa relación coa política. O autor explicou que a historia xurdiu de maneira natural, combinando referencias reais con tramas formais ficticias. Construíu un personaxe “ideal”, que, aínda que non existe como tal, recolle características de figuras políticas que marcaron negativamente a sociedade durante demasiado tempo. Na obra aparecen aspectos como o abuso de poder, o control, a violencia de xénero e a corrupción, aínda que non está exenta dun enfoque humorístico que a afasta da novela puramente combativa, mantendo sempre un ton de denuncia social.
Dende o Iescha, queremos dar os parabéns e o agradecemento a Paulo, a Chema e a Marisa polo seu interesante debate, pola calidade da conversa, pola profundidade dos temas tratados e pola súa contribución ao fomento da reflexión sobre a nosa lingua e a literatura, salientando a importancia de encontros coma este para a promoción da nosa cultura. Temos que expresar tamén a nosa gratitude ao público pola súa asistencia e participación, así como agradecer a colaboración do Concello na cesión do local.
Ata a próxima!!!


































VIDEO RESUME>>>> https://www.facebook.com/watch?v=2017749305369540