RESEÑA DA PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “SEGADORES DA ÓRREA EN TERRAS DE CASTELA”. VENRES 13/06, CASA DA CULTURA (VIDEO-RESUME)

Coa fouciña na man e a historia no corazón”

O acto da noite deste venres, 13 de xuño, organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello, foi un acto cheo de emoción e lembranza, onde a historia se colleu como se colle a herba: coa fouciña ben suxeita, con precisión e respecto. Así comezou a presentación de Marisa Barreiro, acompañada na mesa por Mari Luz e Antón. Na sala, varios dos protagonistas reais daquelas longas xornadas de traballo en Castela. A sega non era só labor, era identidade. E esa identidade foi o centro da conversa e da pantalla, moi ben complementadas coas detalladas explicacións de Mari Luz, Carlos e Paco:

A edición dun libro, a mesa redonda, as viaxes cos segadores e a creación do documental foron algúns dos aspectos comentados para describir unha historia que merecía ser coñecida e espallada:

As abarcas, gastadas polos milleiros de pasos nas leiras castelás, representaban os camiños percorridos, a dureza e a constancia. Os segadores, como Cándido, Tino e Manuel, compartiron esas pegadas co público, que escoitou atentamente as anécdotas e os feitos narrados que falaban do valor e da dignidade.

As zoquetas, aquelas pequenas proteccións de madeira que cubrían os dedos, simbolizaban o coidado co que cada testemuño foi tratado neste proxecto. Mari Luz falou do significado profundo desta historia para Órrea, onde sega e supervivencia eran unha mesma palabra. Os anos de traballo en Castela deixaron marcas, pero tamén orgullo.

O atillo, para atar con forza o feixe de herba ou cereal. Ese atillo foi neste acto o documental realizado por Laura e Vanesa: sensibilidade, coidado na narración e riqueza audiovisual para recoller de xeito maxistral todas esas voces e vivencias. Proxectouse ante un público atento, que logo participou nun coloquio vivo e cheo de reflexións.

Dende o IESCHA queremos expresar un profundo agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este proxecto, entre outros moitos: á Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, artífice de todo; aos segadores e demais compoñentes das cuadrillas (especialmente a Cándido; Tino e Manuel) pola súa memoria viva, e a Mari Luz, a Carlos, a Paco, a Laura e a Vanesa, polo seu compromiso coa historia e a etnografía.

Grazas tamén ao Concello pola súa colaboración, e, como non, ao público asistente que encheu o salón de actos da Casa da Cultura para disfrutar deste magnífico e interesante traballo. 

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=663274823424784

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad