RESEÑA DA REPRESENTACIÓN DA OBRA “O PANO”, A CARGO DE BÁTEGA TEATRO. CIRCUÍTO DE TEATRO PROFESIONAL. AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, 23-11-25.

A representación de “O Pano”, da man de Bátega Teatro, levada a cabo o pasado domingo 23 de novembro, no Auditorio Municipal de Vilalba, nun acto organizado polo Iescha, coa colaboración do Concello de Vilalba, e financiado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugio, dentro do Circuíto de Teatro Profesional, é desas que che quedan dando voltas pola cabeza unha vez que rematan. Cunha posta en escena sinxela pero chea de forza, seguimos a Celia, unha muller nacida en 1924 que, xa no limbo, vai debullando a súa vida coma quen desprega un pano cargado de recordos. A través dela percorremos os momentos claves dun século marcado pola represión: a esperanza da II República, o medo da Guerra Civil, a escuridade da posguerra… e, por riba de todo, o sufrimento en mans dun marido maltratador.

Pero “O Pano” non se queda na dor. Amosa tamén a resistencia silenciosa e poderosa das mulleres que, como Celia, souberon levantarse grazas ao apoio doutras, á terra, á memoria e á forza das que viñeron antes.

En paralelo aparece Sau, unha muller que chega desde un futuro distópico para amosarnos o que pode pasar se seguimos repetindo erros. Fálanos dun 2040 no que o control, a violencia e a falta de humanidade están á orde do día. A súa mensaxe é clara: ou reaccionamos agora, ou non haberá mañá.

E chegados a este punto, cómpre salientar o impresionante traballo de Raquel López, que en solitario consegue encher o escenario con múltiples voces e emocións. Cambia de rexistro con naturalidade, sostendo o fío da historia e facendo que o público conecte, sinta, reflexione e mesmo se remexa na butaca.

En conxunto, “O Pano” é unha chamada a mirar cara atrás para entender o presente e evitar un futuro que non queremos vivir. Un espectáculo próximo, necesario e profundamente humano.

Para rematar, dende o Iescha, cómpre expresar un fondo agradecemento a todo o elenco e persoal técnico de Bátega Teatro polo seu compromiso en traernos historias tan necesarias, e moi especialmente a Raquel López Cendán, que co seu talento e entrega fixo que cada palabra vibrase no escenario. 

Grazas tamén á Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación polo seu apoio imprescindible, e ao Concello pola súa colaboración. 

E, por suposto, ao público asistente, sen o que nada disto tería o mesmo valor.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS DO ACTO:

VIDEO RESUME FOTOGRÁFICO:
https://www.facebook.com/watch/?v=2577943889239158

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad