
Na chuviosa mañá deste sábado 29 de novembro en Vilalba, tivemos a oportunidade de presenciar unha experiencia teatral única grazas ao acto organizado polo IESCHA, coa financiación da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, dentro do “Circuíto de teatro afeccionado”, e coa colaboración do Concello de Vilalba.
A Escola de Teatro e Danza Palimoco de Lugo representou a obra “Quen ocupa esta cadeira?”, creada e dirixida por Paloma Lugilde, unha peza participativa, na que as persoas asistentes puideron sentarse fronte a cada personaxe para descubrir, en primeira persoa, a súa historia. A obra, ideada para desenvolverse no exterior, tivo que adaptarse ao interior da Casa da Cultura debido á climatoloxía adversa. Así, diferentes cadeiras ocuparon espazos e recunchos do edificio, transformando o lugar nun escenario vivo.
O traballo das actrices e actores foi extraordinario, conseguindo emocionar e implicar ao público, que puido achegarse ao lado máis humano e íntimo dos personaxes. Deste xeito, atopámonos con personaxes como Maruja Mallo, Hipatia de Alexandría, Frida Kahlo, Olimpia de Gouges, Nevenka, Ann Makosinski, Carmen Avendaño, Isadora Duncan, Hipatia de Alexandría, Irene Sendler, Carmen Avendaño, Marimar Blanco, Coco Chanel, Maixabel Lasa, Olimpia de Gouges, o limpabotas fillo do roxo, a rapaza da fábrica de mistos, o neno que contaba a historia da tartaruga e a lebre, unha costureira, entre outros.
A conclusión que nos deixa esta proposta teatral é a importancia de dar voz ás historias que construíu —e segue construíndo— a sociedade. Un recordatorio de que cada cadeira pode ser ocupada por alguén que merece ser escoitado.
Finalmente, por parte do Iescha, cómprenos expresar os maiores agradecementos á directora Paloma Lugilde e ao elenco da Escola Palimoco, polo seu compromiso artístico; á Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pola súa financiación e promoción, e ao Concello de Vilalba polo seu apoio, así como ao público asistente, cuxa participación fixo posible que a obra cobrara todo o seu sentido.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS


































VIDEO RESUME DO ACTO>>>>
