
Na mañá deste sábado 4 de outubro, xente do IESCHA realizou, por segundo ano consecutivo, unha visita cultural a Muras, nesta ocasión para coñecer a exposición “Vigo-Muras Serigrafía Galega 1971”, organizada polo Legado Activo Beiras Cal (LABC). A actividade tivo lugar no espazo expositivo de O Mesón en As Águias-Muras, e permitiunos coñecer un capítulo fundamental da historia da arte galega contemporánea. A mostra recolle 41 serigrafías procedentes dos talleres da Serigrafía Galega (Sega), fundada en Vigo por Álvaro Álvarez Blázquez, e que viron a luz por primeira vez en 1971.
Durante o percorrido, puidemos apreciar o traballo de 19 artistas plásticos de grande relevancia, entre eles nomes tan destacados como Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, María Antonia Dans, Mercedes Ruibal ou Maside. Nesta ocasión, contamos co acompañamento de Bea Beiras Cal, que fixo unha excelente labor contextualizando cada unha das obras, explicando con claridade a importancia da serigrafía como ferramenta de democratización da arte e resaltando o valor innovador deste proxecto colectivo. Ademais, aparte de comentarnos anécdotas interesantes, mostrounos unha selección de libros e materiais editoriais dos irmáns Álvarez Blázquez, procedentes das edicións Monterrey e Castrelos, que completaron o discurso expositivo e nos permiten comprender mellor o compromiso cultural e galeguista da familia.
Nós quedamos especialmente impresionados pola combinación de arte, historia e memoria que se respira na exposición, así como polo coidado e o rigor coa que está organizada.
Dende o IESCHA, queremos expresar o noso sincero agradecemento a Bea Beiras Cal e tamén a Carme Varela que nos acompañou no tramo final, pola súa dedicación e entusiasmo, que fixeron desta visita unha experiencia formativa e inspiradora. O seu traballo ao fronte do Legado Activo Beiras Cal é digno de eloxio.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS















































VIDEO RESUME>>>>
