RESEÑA DA VISITA DO IESCHA Á EXPOSICIÓN “A MALLA DE PASCUAL. 1957”, DE ANTÓN BEIRAS, CO VALIOSO ACOMPAÑAMENTO DE CARME VARELA. AS AGUIAS-MURAS, 18-10-24

A visita á exposición fotográfica “A MALLA DE PASCUAL. 1957”, de ANTÓN BEIRAS, que unha representación do Instituto de Estudos Chairegos realizou este venres 18, no lugar de AS AGUIAS-MURAS, foi unha excelente experiencia: A mostra brindounos a posibilidade de viaxar ao pasado e a conectar coas raíces do traballo tradicional, específicamente coas tarefas da malla, tan propias do noso rural.

CARME VARELA, unha das organizadoras da exposición, acompañounos en todo momento exercendo de magnífica guía, o seu traballo foi simplemente magnífico, cun relato cheo de sentimento e coñecemento, que fixo que cada fotografía cobrara vida diante dos nosos ollos.

Unha das cousas que máis salientou Carme da exposición, con imaxes maxistralmente realizadas por Antón Beiras, foi a dignificación do traballo que se reflicte en cada unha delas. Así, poidemos ir vendo o esforzo e a dedicación das persoas implicadas nas distintas tarefas da malla, destacando a prevalencia da muller, case sempre presente. Ademais, foi conmovedor observar como nas fotografías se recollen as circunstancias propias da época, os acontecementos cotiáns e as anécdotas que forman parte da memoria viva da xente, neste caso relacionados coa familia de Pascual e cunha malla no ano 1957. Cada rostro retratado, cada xesto capturado, reflectía o pulso da terra e o valor das pequenas grandes cousas que se compartían naquela actividade.

Tamén nos falou Carme das vestimentas que portaban os protagonistas das imaxes, que falan dun pasado duro, pero cheo de dignidade. É especialmente fermosa a mestura de xentes de diversas procedencias, todas implicadas nun traballo común, simbolizando a unión e a forza do colectivo fronte ás adversidades.

A mostra, á parte de ter un gran valor etnográfico, vai máis aló, convertíndose nunha homenaxe ao traballo en equipo e á capacidade da comunidade para saír adiante unida, con esforzo e solidariedade.

Dende o Iescha, non podemos deixar de agradecer a Carme Varela non só todo o anteriormente dito, senón tamén as abundantes e precisas explicación que nos obsequiou despois de rematada a visita. Grazas a ela, poidemos profundizar aínda máis nas historias detrás de cada fotografía, coñecer detalles que se nos poderían ter escapado e comprender mellor o contexto histórico e emocional que envolvía a aquelas persoas. A súa paixón e dedicación fixeron desta experiencia algo verdadeiramente especial.

En resumo, a exposición “A malla de Pascual, 1957”, de Antón Beiras, non só é un recordo visual do pasado, senón unha viaxe emocional que nos achega á esencia do noso pobo, do noso traballo e das nosas raíces. Dende o Iescha, queremos recomendala especialmente a todas aquelas perosas que atopan nos pequenos detalles do pasado unha fonte inesgotable de beleza e aprendizaxe.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/1949397682233608

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad