RESEÑA DA X RUTA CULTURAL POR TERRAS DE RIBADAVIA. DOMIGO 29 DE XUÑO DE 2025. CO ACOMPAÑAMENTO DE FELIPE SENÉN (VIDEO E FOTOS)

Un día de ruta por terras de Ribadavia

Este domingo, 29 de xuño, o IESCHA tiña programada a X RUTA CULTURAL, por terras de Ribadavia, e que resultou cargada de historia, de calor e boa compañía, con moitos e variados lugares visitados.

A ruta comezou cunha primeira parada chea de encanto: a Igrexa de Santa María de Beade. Alí, entre pedras antigas e silencio de séculos, comezamos a mergullarnos na historia da igrexa e da zona de Beade, guiados pola sabedoría do noso acompañante de cabeceira… e de luxo: Felipe Senén. Non é fácil atopar quen saiba tanto e o saiba contar tan ben. Con el, cada pedra falaba, cada recuncho tiña vida, e cada dato, por técnico que fose, convertíase nun relato cercano que nos atrapaba.

Seguimos logo cara Ribadavia, onde paseamos polas rúas do seu fermoso casco histórico. As casas de pedra, os soportais, a praza maior, e a memoria viva da comunidade xudía transportáronnos a outra época. Non faltaron as fotos de rigor, nin tampouco algunha que outra bebida, en establecementos míticos, para combater a calor, que ía con forza.

Despois do xantar, tocoulle o turno ao Museo do Viño de Galicia, un espazo moi ben coidado e cheo de información moi ben presentada que nos axudou a entender a riqueza dunha tradición que leva séculos sementando identidade no Ribeiro.

A derradeira parada foi achegarse ao Mosteiro de San Clodio de Leiro: calma, frescura e historia envolvían o claustro e as estancias, mentres Felipe Senén seguía debullando datos e curiosidades cun entusiasmo que se contaxiaba.

A calor, que fixo acto de presenza durante toda a xornada, non foi quen de minguar as ganas de seguir descubrindo cada recuncho das terras do Ribeiro. E regresamos a casa cun puñado de historias na mochila.

Dende o Iescha, temos que, unha vez máis, dar as grazas a Felipe Senén pola súa contribución sempre tan completa e interesante, e grazas tamén a todas e cada unha das persoas que participaron nesta xornada, por facer que a cultura se vivise e sentise de forma conxunta e compartida.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1472065373957263

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad