RESEÑA DA RUTA POR TERRAS DE NOIA, CO ACOMPAÑAMENTO DE ANA ISABEL FILGUEIRAS. DOMINGO 21/09/2025. (VIDEO RESUME)

O pasado domingo 21 de setembro, o Iescha tiña programada a XIII Ruta por Galicia adiante. Saímos ás 9:00 dos arredores da Casa da Cultura de Vilalba rumbo a Noia. Obxectivo: descubrir ou redescrubrir unha vila cargada de historia. Apertas, saúdos, conversas, o ambiente propio das excursións que se viven case como unha pequena festa en comunidade.

En Santiago recollimos a Ana Isabel Filgueiras, antropóloga e arqueóloga, que nos guiaría sabiamente polas rúas e espazos da vila histórica. Grazas ás súas explicacións, a Alameda, o Convento de San Francisco ou o Pazo da Quinta Hermosa deixaron de ser só edificios fermosos para converterse en testemuñas vivas da historia da vila. As rúas gremiais, a Ponte Grande ou a Rúa da Peregrina fixéronnos imaxinar a vida doutros tempos, mentres que na Praza do Tapal e na igrexa-fortaleza de San Martiño sentimos ese peso do pasado que aínda hoxe se mantén intacto.

Un dos momentos máis especiais da mañá foi a visita a Santa María a Nova, coas súas laudas gremiais, que impresionaron tanto pola beleza como polo simbolismo. E rematamos esta parte da ruta achegándonos aos muíños da Pedrachán e do Traba, rodeados dunha natureza que convidaba a parar e gozar do silencio.

Chegado o mediodía, tocaba recuperar forzas, e no restaurante O Trapeiro, en Merelle, fomos recibidos cun xantar xeneroso e saboroso: empanada de millo, croquetas, pescada á galega, carne asada e tarta de queixo, do que disfrutamos e serviu para repoñer forzas. Momento de novo para compartir, para rir, contar anécdotas e seguir facendo grupo arredor da mesa.

Pola tarde, a visita prevista á Cova da Moura tivo que ser cancelada por mor dos incovenientes de acceso. Por fin, visita á central hidroeléctrica do Tambre, con paseo incluido, coa súa arquitectura singular, obra de Antonio Palacios, e cun fermoso entorno.

De volta no autobús, cada quen puido reter na memoria os momentos que máis lle impresionaron: unha explicación interesante, unha vista especial, unha conversa inesperada, unha edificación singular, unha paisaxe frondosa… Foi unha xornada completa, que nos deixou cansados pero contentos, coa sensación de que compartir cultura e tempo xuntos segue sendo unha das mellores formas de viaxar.

Dende o IESCHA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Ana Isabel Filgueiras, pola súa magnífica e completa labor recorrendo as fermosas terras de Noia, facendo que cada explicación fose unha auténtica viaxe pola historia, a cultura e as tradicións desta vila.

Grazas tamén a todas as persoas participantes, para quen vai dirixida a actividade, polo seu interese e bo ánimo, que contribuíron a crear un ambiente agradable.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME

https://www.facebook.com/reel/1465994211387643

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad