RESEÑA DA XXI RUTA CHAIREGA. ANDANDO AS TERRAS DE CABREIROS-XERMADE: RUTA DO RÍO TRIMAZ. ORGANIZADA POLO IESCHA O DOMINGO 9 DE XUÑO DE 2024. (FOTOS E VIDEO RESUME)

Este domingo 9 de xuño tivo lugar a XXI Ruta Chairega, organizada polo IESCHA. Nesa ocasión, recorrendo as terras de Cabreiros (Xermade), emprendimos a Ruta do río Trimaz, unha ruta de sendeirismo que quedará para sempre nos nosos recordos: O río, os camiños, a frondosidade das fragas, as paisaxes diversas, os muíños, as pontes e pontellas, a variada vexetación, as pequenas fervenzas, algunhas lendas, a agradable temperatura, e, sobre todo, a boa e confortable compañía de todas as persoas que participaron, deron lugar a unha xornada máxica e inesquecible.

Esta viaxe, non obstante, non sería a mesma sen a presenza do noso guía, Xosé Manuel Felpeto, e a de Suso, un dos nosos acompañantes, que resultaron ser verdadeiros coñecedores destes lugares, e con gran paixón e coñecementos, foron revelándonos os segredos que se agochan en cada recuncho, describindo con precisión e agarimo cada lugar polos que pasabamos e que a continuación describimos sucintamente: 

A RUTA

Comezamos o percorrido en O Chao, Cabreiros, na antiga Igrexa Parroquial de Santa Mariña de Cabreiros. Seguimos ata a Ponte da Acea, preto da área recreativa e campo de fútbol, e subimos polo río Trimaz pola marxe esquerda. Pasamos por diversas pontes e presas, destacando a Ponte de Isabel II e a Presa do Feal, rodeados de vexetación autóctona. Cruzamos pontes como a do Aruxo e a dos Carregás antes de deixar o río Trimaz para entrar nas Fragas de Penachaiña. Volvemos cara Portonovo e seguimos o Rego dos Caxigás, pasando por antigos muíños como o de Cabreiros e o do Ferreiro. Subimos polo Camiño vello da Carballosa, desfrutando das Fragas do San Vitorio, e baixamos polo monte do Espiño ata a Fonte da Santa Mariña. Finalmente, retornamos ao punto de partida, completando un recorrido de 14 quilómetros, aproximadamente.

Ao remate da ruta, tivo lugar o xantar de confraternidade no restaurante Petróleo, de Roupar, no que poidemos disfrutar dunha abundante, variada e saborosa comida.

Graciñas a todos e a todas pola participación e ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/100064422230168/videos/1371543416857176

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad