
XXIII Ruta Chairega: un día para disfrutar dos camiños, das árbores, da auga, dos animais, da natureza… da xente.
Para este pasado domingo, 4 de outubro, o IESCHA tiña organizado a XXIII Ruta Chairega e arredores, desta volta por terras de Vilasantar, nunha xornada propicia para poder disfrutar da natureza.
A “Ruta dos Muíños do Rego das Gándaras” iniciámola na Ponte do Sapo, no concello de Vilasantar, para adentrarnos pouco a pouco nun espazo natural ben interesante. O camiño, duns 6 quilómetros (a ida, e outros tantos a volta), levounos á beira do río Cabalar, do Tambre e do rego das Gándaras, nun percorrido no que poidemos apreciar tanto os valores naturais como o patrimonio que fomos atopando ao longo do camiño: A vexetación autóctona, os cursos de auga, as pontes, os muíños e, moi especialmente, a fervenza de Mezonzo e o seu complexo etnográfico, foron deixando ao longo da mañá fermosas e variadas imaxes. A ruta permitiunos descubrir, ademais, un valioso patrimonio ligado á vida tradicional, representado polos numerosos muíños que fomos atopando ao longo do percorrido.
Pero se fermoso foi o contorno, non o foi menos o ambiente entre os participantes. A agradable compañía, as conversas e as risas fixeron que os quilómetros pasasen case sen decatarnos. Unha vez máis, esta actividade demostra que camiñar xuntos é tamén unha magnífica maneira de compartir, coñecer xente e fortalecer os lazos de amizade que se van construíndo ao longo dos anos.
E, como non, cómpre facer unha mención especial aos dous guías que nos acompañaron nesta ocasión, Xosé Manuel Felpeto e Xesús Bermúdez. O seu coñecemento do territorio, as súas recomendacións e explicacións e as súas sempre interesantes e atinadas observacións contribuíron decisivamente a que a ruta fose moito máis ca un simple paseo pola natureza. A xornada, ademais, agasallounos cunhas condicións magníficas para camiñar e gozar da paisaxe, facendo aínda máis agradable unha mañá que xa viña cargada de bos ingredientes.
Rematada a andaina, puxemos rumbo a Sobrado dos Monxes, onde nos agardaba o xantar de confraternidade no Restaurante Real. Alí, arredor da mesa, continuamos compartindo experiencias, comentarios sobre o percorrido e, sobre todo, ese ambiente cercano que caracteriza as actividades do IESCHA. Foi o merecido descanso despois da andaina e tamén unha parte esencial da xornada: porque nas nosas rutas tan importante como camiñar é sentar e xantar xuntos, conversar e celebrar que seguimos facendo camiño en boa compañía.
A tarde quedou para pasear por Sobrado, cunha visita libre ao seu histórico mosteiro. Foi o remate perfecto para un día completo, no que natureza, patrimonio, cultura e convivencia se deron a man.
Desde o IESCHA só queda agradecer a todas e todos os participantes a súa presenza e o seu ánimo; aos nosos guías, Xosé Manuel Felpeto e Xesús Bermúdez, o seu sempre magnífico traballo e, en definitiva, a todas as persoas que contribuíron a facer posible esta xornada. Mención especial tamén para Xaquín e Gael,
os dous pequenos que nos acompañaron nesta ruta. Gozaron de principio a fin, coa súa alegría e enerxía, coa súa ilusión e espontaneidade fixeron a xornada aínda máis especial para todos, contaxiando ao resto do grupo. E aínda tiveron tempo para facer un novo amigo polo camiño, Bruce, un simpático e intrépido can que se sumou á aventura. Foi unha verdadeira ledicia velos desfrutar así!
Xa queda menos para a próxima ruta e para seguir facendo camiño xuntos.
Ata a próxima!!!
GALERÍA DE FOTOS












































































































































VIDEO RESUME>>>https://www.facebook.com/reel/1078592785000517
