RESEÑA DAS II XORNADAS DE PATRIMONIO INMATERIAL. IESCHA-CONSELLO DA CULTURA GALEGA-CONCELLO DE VILALBA. 14/15 NOV’25. CASA DA CULTURA DE VILALBA

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu, os días 14 e 15 de novembro, as II Xornadas de Patrimonio Inmaterial, un encontro que, por segundo ano consecutivo, quixo pór en valor a tradición viva, os oficios, as voces e os saberes que construíron a nosa identidade colectiva. Dúas xornadas cheas de contidos, emocións e conversa, organizadas polo IESCHA co apoio imprescindible do Consello da Cultura Galega e do Concello de Vilalba.

1ª Sesión, venres 14/11

Acto de inauguración

A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, foi a encargada de abrir o encontro. Comezou desculpando a ausencia de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e deu a benvida ao seu representante, Marcelo Fernández, xerente da institución.

Marisa agradeceu de maneira especial a colaboración do Consello da Cultura Galega, e tamén a do Concello de Vilalba e a de todas as persoas participantes, así como o público asistente. Destacou a importancia de que as entidades confíen nos proxectos culturais e subliñou o papel vital do asociacionismo como espazo de formación, información e defensa da nosa identidade e da nosa cultura. Presentou tamén o libro “Relatorios das xornadas 2023 e 2024”, facendo fincapé na vontade de continuidade do proxecto, e fixo referencia ás exposicións de “Os fíos da Moura” e “Lévame a idea”, que acompañan esta edición. Pechou a súa intervención repasando o programa e presentando ás persoas participantes.

Tomou a palabra a continuación Marcelo Fernández, quen agradeceu ao IESCHA o seu apoio constante á cultura galega. Sinalou que o patrimonio inmaterial é unha temática crecente e de enorme interese para o Consello da Cultura Galega, e destacou que estas xornadas contribúen a achegar o público a este ámbito desde múltiples perspectivas: as relatorías, o contido científico, as exposicións, a música, a homenaxe, e mesmo os espazos de conversa. Tivo tamén unha lembranza especial para os Segadores de Castela, exemplo de cultura que cómpre preservar.

Pechou as intervencións institucionais a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen expresou a súa satisfacción por estar acompañada polo IESCHA e polo Consello da Cultura Galega, dúas entidades “firmemente comprometidas coa cultura e coa súa difusión”. Agradeceu a presenza do público, felicitou o IESCHA polo seu 25 aniversario e recalcou que o patrimonio inmaterial é “un fío invisible pero fundamental” para comprender quen somos. Recoñeceu tamén a labor do Consello da Cultura, con quen o Concello mantén proxectos compartidos, e deu os parabéns ás todas as persoas participantes, e a todas as que fan posible este encontro.

Presentación da exposición de Miriam Fernández Otero “Os fíos da moura. Tecido e patrimonio”

Tras o acto institucional, presentouse a exposición de Miriam Fernández Otero, “Os fíos da moura”. A autora fixo un percorrido pola mesma onde se pode comtemplar a traxectoria do tecido tradicional, desde o ámbito doméstico e utilitario ata as dimensións simbólicas que foi adquirindo co tempo. Na mostra tamén se destaca o papel esencial das mulleres, verdadeiras protagonistas destes saberes, e explicou con detalle os oficios, ferramentas e materiais presentes na mostra. Falou tamén Miriam dos contos, lendas e personaxes que naceron arredor do mundo do tecido e que hoxe forman parte do noso patrimonio inmaterial.

1º Relatorio

Miriam Fernández Otero – “Tecido e patrimonio inmaterial”

A propia Miriam Fernández ofrecía acto seguido o primeiro relatorio. Tras agradecer a acollida, afondou no universo do liño e no seu proceso de recuperación a través de iniciativas como a da Asociación de Mulleres Tirais de Insua ou da xa veterana Tasca do Liño, que vai pola súa XVII edición.

Falou dun traballo historicamente feminino, transmitido por vía oral, e repasou ferramentas, tarefas, xuntanzas, costumes, as tascas, as fías e os fiadeiros. Detívose no rico léxico tradicional —espaldeiro, mazote, restrepo, ripa, estriga, mazaroca,…— e nas cantigas e refráns ligados a este oficio que forma parte esencial do noso patrimonio vivo.

2º Relatorio

José Gómez de Bernardo “Pepón” – “O verbo xido: a fala secreta dos canteiros”

O segundo relatorio chegou da man do mestre canteiro José Gómez de Bernardo, “Pepón”, presentado tamén por Marisa Barreiro, quen lembrou algunhas das súas obras máis coñecidas en Vilalba: a escultura de Manuel María, a lousa de Bernardo na praza, a escultura da Concha da Reina ou o monólito dedicado a Rosalía de Castro.

Pepón agradeceu o convite e ofreceu unha intervención sobre o oficio dos canteiros, centrándose na súa fala profesional —o Verbo, tamén chamado “latín dos canteiros”—, unha xerga nacida na Idade Media e transmitida de forma oral para manter certos segredos do oficio. Citou anécdotas, explicou que o primeiro texto escrito na lingua dos canteiros data de 1843, e leu diversas frases e expresións acompañadas das súas correspondentes traducións. A través dunha figura articulada en madeira debullou parte do léxico (janelo, xabouca, ghaviarros, liscadeira, fiaña, carcaxo, fiañetes, batoques… sombreiro, chaqueta, camisa, pantalón…), lembrando que esta fala pode chegar ás 4.000 ou 5.000 palabras.

Inauguración da exposición “Lévame a idea”, de Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso

Pechando a primeira xornada tivo lugar a inauguración da exposición “Lévame a idea”. Vanesa, Iria e Laura explicaron o proceso de creación do vídeo inicial que deu lugar á mostra e foron intercalando as súas intervencións para comentar cada panel: a elaboración da pandeireta, as persoas informantes, as técnicas empregadas e as reflexións que xurdiron durante o traballo.

Lanzaron unha pregunta ao público para seguir profundando: “Serviu de algo que as Letras Galegas deste ano estivesen dedicadas ao cancioneiro popular galego e ás cantareiras?” Unha cuestión que quedou como convite ao debate. Remataron agradecendo ao IESCHA por ter impulsado a idea da exposición.

Finalmente, para pechar esta intensa primeira xornada, gozamos da actuación das cantareiras e pandeireteiras de Lambe Lambe, brillantes e cheas de enerxía, como sempre.

2ª Sesión, sábado 15/11

O segundo día das II Xornadas de Patrimonio Inmaterial desenvolveuse cun programa centrado na menciña tradicional, a transmisión oral e o papel das artesás e intérpretes do patrimonio musical galego. A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, abriu a sesión e presentou ás relatoras e relatores participantes.

3º Relatorio

Lidia Mariño – “Medicina integrada na tradición galega”

Marisa Barreiro introduciu a intervención de Lidia Mariño, destacando a relevancia da menciña tradicional dentro do patrimonio inmaterial.

Lidia Mariño iniciou o seu relatorio agradecendo a invitación e reivindicando o valor simbólico e identitario deste patrimonio, que define o noso sentir e existir como pobo. A relatora puxo en valor unha mediciña tradicional concibida como un saber integrado que atende corpo, mente e alma, e que forma parte dun sistema cultural complexo.

A intervención estivo sustentada por múltiples referencias históricas e antropolóxicas: Á Escola de menciñeiros evocada por Álvaro Cunqueiro; aos clásicos Platón e Galeno; ás achegas de Lévi-Strauss, Malinowski e Ana María Llamazares, e citou unha célebre frase de Paracelso: «Todo o que sei, aprendino das bruxas».

A continuación, detallou numerosos exemplos prácticos da menciña galega tradicional: Herbas de san Xoán (fiúncho, sabugueiro, roserio, botón de ouro, romeu, loureiro, malva…); o traballo das parteiras e os seus múltiples remedios; a “paletilla” e outros ritos curativos; a crenza na alma caída, nos estados de desánimo e na necesidade de restaurar o equilibrio; a xestión do mal de ollo e da envidia….

Na parte final, Mariño convidou a reflexionar sobre a necesidade de crear un novo paradigma que integre tradición e contemporaneidade. Pechou a súa intervención retomando a idea inicial: a menciña tradicional é un valioso patrimonio inmaterial que cómpre coidar e actualizar.

A participación final do público resultou especialmente enriquecedora, achegando testemuños e preguntas de grande interese.

4º Relatorio

Ricardo Polin – “A Cega de Miranda (1879-1971): colofón dunha antiga tradición”

O investigador Ricardo Polín abriu o segundo relatorio cun agradecemento e unha defensa firme da cadea de transmisión como elemento esencial para a supervivencia do patrimonio oral. Subliñou que é preciso impedir que ese legado esmoreza, e falou da música tradicional como forma profunda de expresión, evocando gaiteiros, pandeireteiras e lembranzas familiares.

A continuación proxectáronse partes do vídeo “A Cega de Miranda”, explicando previamente os seus detalles técnicos e históricos. A figura da Cega de Miranda presentouse como herdeira directa da tradición das soldadeiras e xoglaresas medievais.

No audiovisual aparece Mero contextualizando a tradición oral galega e o papel da protagonista. A voz de Polín guía a biografía da Cega de Miranda entre imaxes, músicas de Fuxan os Ventos e Milladoiro, e un feixe de anécdotas, curiosidades e reflexións, percorrendo sitios e temas como: a música popular, a arquitectura rural, a figura de Enriqueta Otero, a menciña popular, o crime de Monte Cubeiro, o papel de cegos e cegas como cronistas oficiais, a feira de Adai ou o camposanto de Albeiros.

Polin quixo reivindicar unha vez máis a figura desta muller, gran divulgadora da música popular en moitas localidades da provincia.

Antes de rematar, Polín felicitou o IESCHA no su XXV aniversario, polo seu compromiso coa preservación e divulgación da cultura galega.

5.- Relatorio

Branca Villares – A tradición oral das pandereteiras mais aló do folclorismo. Co acompañamento musical de Pablo Pintor (zanfona e gaita -na ofrenda-)

A investigadora, docente e intérprete Branca Villares comezou o seu relatorio cantando, creando un ambiente evocador. Enmarcou o ano como o ano das pandereteiras e cantareiras, destacando a oportunidade que supuxo dedicar o Día das Letras Galegas ao cantar das mulleres e ao cancionero popular.

Subliñou a importancia de transmitir este legado ás novas xeracións, pero desde unha perspectiva crítica e consciente. Preguntouse se as pandereteiras son artistas ou artesás, cuestión que cualificou de complexa, sinalando que “o artesán vai coa man e o artista vai coa cabeza”. Analizou os límites e puntos de encontro entre ambas as categorías.

Mencionou figuras como Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina, así como as pandereteiras de Mens. Defendeu poñer en valor esta tradición dun xeito positivo, menos ríxido e académico.

Villares explicou que as coplas funcionan como unidades mínimas de información que permitían ás mulleres expresar emocións, vivencias e críticas sociais. Reivindicou que non ten sentido cantar hoxe aquilo co que xa non nos identificamos: é necesario aprender todo, pero non repetir sen máis. Tamén falou do programa “Colleita e Recolleita”, da importancia da memoria intrafamiliar e da integración cultural.

Na parte final, Branca e Pablo interpretaron e explicaron diferentes tipos de cantos tradicionais: cantigas de berce, cantigas de xogo, cantos de baile, voda e vellez,

cantos do ciclo anual (Nadal, Reís, Entroido, Maios, Magosto…).

Como conclusión, Branca Villares apelou á necesidade dunha renaturalización do patrimonio, buscando novas fórmulas de transmisión. Lembrou que, máis alá dos escenarios, o esencial é facer cultura desde abaixo, creando espazos de normalización lingüística e proxectando o legado cara ao futuro.

Ofrenda floral diante do Monólito das Irmandades da Fala

Para pechar a sesión, celebrouse unha ofrenda floral diante do monólito que lembra e homenaxea ás Irmandades da Fala de Vilalba, situado a carón da Torre da Homenaxe —hoxe Parador de Turismo—.

A presidenta Marisa Barreiro, acompañada pola música da gaita de Pablo Pintor, depositou un centro floral en lembranza das Irmandades e do seu papel fundamental na defensa da lingua e da identidade galega.

E as Xornadas concluíron, a pesar da ameazante choiva, nun clima de gratitude e de futuro. Porque o patrimonio inmaterial —como ben quedou demostrado— non é un recordo: é unha maneira de estar no mundo, un facho que se mantén vivo porque alguén, sempre, decide pasalo á seguinte man.

Por fin, o Iescha quere manifestar o seu máis profundo e sincero agradecemento ás persoas relatoras, ás entidades organizadoras e colaboradoras, ao público asistente e a toda aquela xente que, co seu compromiso, fai posible a preservación e difusión do patrimonio cultural galego.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS DAS XORNADAS

VIDEO RESUME FOTOGRÁFICO DAS XORNADAS>>>> https://www.facebook.com/watch?v=2950066462047491

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad