RESEÑA DO ACTO DE APERTURA DA EXPOSICIÓN “RETROSPECTIVA” DE PEPE LAFUENTE. VENRES 1-08-25. CASA DA CULTURA DE VILALBA (VIDEO RESUME)

Na tarde-noite de onte, venres 1 de agosto, vivimos un momento moi especial na Casa da Cultura: a inauguración da exposición “Retrospectiva” de Pepe Lafuente. O acto comezou cunhas palabras de benvida por parte da presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro que deu lectura a unha pequena semblanza do pintor, escoitada moi atentamente polas persoas que se achegaron: familiares, amizades, veciñanza… xente que quixo acompañar e arroupar a Lafuente nesta volta á pintura, despois de varios anos de ausencia.

A exposición é moito máis ca unha mostra de cadros: é unha viaxe moi íntima e persoal a través da ollada do artista. Lafuente achéganos aos espazos máis sinxelos e próximos da nosa vida —a cociña, o baño, unha xanela, a cidade, o campo— e fainos deternos neles con novos ollos. Cada cadro amosa unha escena aparentemente cotiá, pero cargada de significados, xogos visuais e unha estética moi próxima o hiperrealismo. Cada obra parece dicirnos algo máis do que vemos: fálanos do tempo que pasa, da rutina que nos envolve, do coidado que damos e recibimos, do illamento, da natureza… incluso con algún que outro guiño crítico á sociedade na que vivimos.

As pinturas de Lafuente non só se ven, tamén se senten. Convidan a parar, mirar con calma e deixar que nos falen coa sensibilidade de quen sabe escoitar e transmitir.

Dende o IESCHA, queremos agradecerlle a Pepe Lafuente o seu traballo e que quixera compartir con nós este anaco tan especial do seu universo artístico. Grazas por volver, por abrirnos as portas da túa mirada e por facernos sentir tan preto da túa arte.

Moitas grazas tamén ao Concello de Vilalba e ao público asistente.

Ata a próxima!!

VIDEO RESUME>>>>>

https://www.facebook.com/watch?v=24143182261975235

GALERÍA DE FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad