RESEÑA DA CLAUSURA DA EXPOSICIÓN “RETRATOS” DE PEDRO CABARCOS. CONVERSARON ISABEL PARDO E PEDRO CABARCOS. PRESENTOU MARISA BARREIRO. VENRES 16 DE XANEIRO DE 2026. SALA DO AUDITORIO DE VILALBA

A clausura da exposición “Retratos”, do artista Pedro Cabarcos, organizada polo IESCHA con motivo do XXV Aniversario da súa fundación, converteuse nun acto de reflexión arredor da arte e da educación, moi emotivo, familiar e cercano. 

A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, abriu o acto salientando a importancia de estar alí para arroupar a Pedro. Lembrou que, se na inauguración foron as familias das persoas retratadas quen “montaron os cadros”, nesta clausura tocaba “desmontalos”, pechando así un ciclo emocional colectivo no que a entidade, o artista e as familias camiñaron da man. Marisa destacou tamén a presenza de varios membros da directiva do IESCHA, dando unha cariñosa benvida a Manolo Roca.

Durante o acto deuse lectura e escoitáronse audios de familiares e persoas vencelladas ás figuras retratadas que non puideron asistir, con mensaxes de especial agradecemento a Pedro Cabarcos, entre outros, o de Margarita Ledo Andión; o do neto de Lois Peña Novo; o de Pili Orosa (filla de D. Plácido); o de familiares de Pepe Chao; o de Manu Chao (fillo de Ramón Chao), ou o de Alexandra Cabana (filla de Darío Xohán Cabana). As mensaxes puxeron de manifesto a fonda carga afectiva da exposición e o agradecemento polo respecto e sensibilidade cos que Cabarcos abordou cada retrato.

A continuación tivo lugar unha conversa aberta entre Isabel Pardo, debuxante e profesora do taller Besbello, e Pedro Cabarcos, autor da mostra. Antes de nada, Isabel fixo entrega a Pedro dun agasallo moi especial: un retrato do propio artista acompañado de dous paxaros. Explicou que a presenza dos paporroibos simboliza unha maneira de trasladar a maxia á imaxe, un xogo poético entre realidade e imaxinación que tamén define o traballo de Cabarcos.

Pedro agradeceu profundamente todo o que esta experiencia supuxo para el, confesando as moitas emocións compartidas, e recoñeceu que a exposición era tamén unha especie de débeda co pobo, unha maneira de devolver á xente, a través da arte, todo o que recibiu. Definiuse como unha persoa de grupo, para quen a creación non ten sentido sen comunidade.

Ao longo da conversa reflexionouse amplamente sobre a educación artística. Isabel Pardo agradeceu a todas as persoas que traballan pola cultura, pola arte e pola educación, e puxo sobre a mesa a falta de medios habitual neste ámbito, preguntando como se podería combater. Defendeu que, mesmo con ferramentas limitadas, é posible transmitir emocións, que son a esencia da arte.

Pedro, pola súa banda, explicou que a docencia foi para el un campo inicialmente descoñecido, no que entrou a través dun proceso de autoaprendizaxe, enriquecéndose día a día e creando pedagoxía no propio camiño. Sinalou que aprender pode aprender calquera e que o importante é manter viva a curiosidade. Recoñeceu a influencia da súa experiencia en contextos como Sargadelos, así como a súa identidade como pintor rural, vencellado ao que ten máis preto.

O artista reflexionou tamén sobre un dos problemas actuais da arte: a distancia que ás veces se establece co público. Defendeu a necesidade de crear máis conexión, de entender a arte como un vehículo para artellar un punto común, aínda que sexa simplemente compartir emocións e reflexionar sobre o que nos rodea. Para Pedro, a arte é o seu modo de vivir, pero tamén debe asentarse nun principio moral, nun compromiso de devolución á sociedade.

Isabel concluíu lembrando que sempre volvemos á arte —a través da música, da pintura ou da literatura— porque nela reside unha parte humana imprescindible. Pedro pechou o acto agradecendo de novo a compañía, o afecto e o camiñar compartido durante toda a exposición.

A clausura de Retratos foi así moito máis ca un peche: un espazo de encontro, memoria, aprendizaxe e celebración colectiva, á altura do XXV Aniversario do IESCHA e do profundo significado desta mostra. 

Desde o IESCHA queremos expresar a Pedro Cabarcos os parabéns polo magnífico traballo realizado e o noso máis sincero agradecemento pola súa xenerosidade, honestidade e compromiso demostrados ao longo de toda esta experiencia, así como a Isabel Pardo pola súa sensibilidade, implicación e capacidade para conducir unha conversa tan rica e necesaria arredor da arte e da educación. O noso recoñecemento esténdese ás familias das persoas retratadas presentes no acto; ás persoas que fixeron chegar as súas palabras e emocións desde a distancia; á directiva do IESCHA, polo seu traballo constante, e a todas e todos os que participaron, acompañaron e fixeron posible esta exposición. Grazas tamén ao público asistente por arroupar esta proposta cultural, reafirmando que a arte, compartida, segue a ser un espazo de encontro, memoria e futuro.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME DO ACTO>>>

https://www.facebook.com/watch?v=827895546877007

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad