RESEÑA DO ACTO DE ENTREGA DO IX PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE A FRAN FERNÁNDEZ DAVILA. 24/10/26. AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA (VIDEO RESUME E FOTOS)

Outra noite para Agustín

Este sábado 24 de outubro, o Auditorio Municipal de Vilalba foi acollendo pouco a pouco á xente que ía chegando, entre saúdos e abrazos, á Gala de Entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. O galardoado, Fran Fernández Dávila, pola súa obra Quero ser coma Vero Boquete.

A xornalista Carmen Hermida conducíu, magnificamente coma sempre, o evento, e ao seu carón, Noelia, da Asociación de Xordos de Lugo (AXORLU), que levaba cada palabra á lingua de signos para que ninguén quedase fóra. O ambiente era familiar e cercano.

Abriu a velada o Centro Ocupacional Terra Chá de Vilalba cun vídeo feito con moito agarimo, no que Juan, Abel e Mónica lles facían preguntas a Marisa Barreiro e a Marta Rouco, moitas delas sobre a figura de Agustín. Do vídeo xurdiu a imaxe dun centro que é espazo de convivencia, amizade e apoio mutuo, unha segunda familia para quen forma parte del. Quedou na memoria a súa pancarta: «Igualdade e integración para ser diferentes».

Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, tomou despois a palabra. Agradeceu a presenza de todas as persoas asistentes, das entidades colaboradoras e da familia, e puxo de novo no centro o compromiso de Agustín cos dereitos humanos, coa paz e cun mundo máis xusto, nun tempo no que tantos destes valores parecen en perigo. Lembrou a iniciativa Miradas sobre Agustín, que quere manter viva a súa memoria e reivindicar o lugar que merece na nosa cultura, coa esperanza de que algún día se lle dediquen as Letras Galegas, coa vista posta en 2028. Rematou co manifesto escrito por Paco Martín e Xavier Senín e cunha evocación das abidueiras, tan presentes nas palabras do escritor.

A música tamén tivo o seu sitio: o Minicoro de Esmuvi, dirixido por Baruk, deleitounos  con dúas pezas de Manuel María, O caracol e O carro. Con voces tan novas e boas, as nosas corais teñen garantido o relevo.

A alcaldesa, Marta Rouco, falou das emocións que esperta a lectura e da forza dos libros para abrirnos portas e axudarnos a comprender outras realidades. Lembrou que a igualdade non é unha conquista definitiva, senón unha tarefa de cada día: educar, acompañar e derrubar barreiras. Obras como Quero ser coma Vero Boquete permiten que as novas xeracións medren con referentes, sen límites nin prexuízos. Agradeceu o traballo do IESCHA e do xurado, e tivo unha lembranza especial para a familia de Agustín.

Outro momento musical chegou da man de Carlos Gómez Osa, que, cunha ilustración de Miguelanxo Prado de fondo representando a Agustín de mozo e escoitando a Orques Mato, emocionounos con dúas cancións: un mix con dous poemas de Manuel María sobre os poetas chairegos e vilalbeses, e  Calquera noite pode saír o sol, a canción de Jaume Sisa, como homenaxe á amizade, á convivencia e á esperanza.

Manuel Bragado, membro do Xurado, detívose na historia de Lucía, unha rapaza que quere ser futbolista e precisa referentes para imaxinar o seu futuro. Unha historia sinxela e necesaria, dixo, porque ás veces abonda con que alguén nos amose que é posible para que comecemos a crer nos nosos soños. Salientou tamén a versatilidade de Fran Fernández Dávila como narrador e poeta.

Lida a acta do xurado, chegou o momento máis agardado. A alcaldesa, Marisa Barreiro e Manuel Bragado entregaron o galardón entre parabéns e aplausos. Fran recolleuno con emoción e invitou a imaxinar aquela noite como a cuberta dun libro, unha páxina nova na historia do certame. Compartiu unha motivación moi persoal: escribe tamén pensando na súa filla, desexando que medre libre e que non atope máis límites ca os que ela mesma queira superar. Porque educar na igualdade é tamén ensinar a vivir sen medo e a respectar as diferenzas. Lembrou que xa se cumpre o décimo aniversario da morte de Agustín, e deixou unha reflexión que calou na sala: ao final, o unico que queda é o amor e o rastro que deixamos nas demais persoas.

Houbo aínda unha sorpresa máis: deuse a coñecer o gañador do X Premio Agustín Fernández Paz, que recaeu  no escritor Miguel Alonso Diz, pola súa novela “O derradeiro xogo do avó”.

A natureza, tan presente na obra de Agustín, ocupou o escenario grazas ao grupo de alumnas da biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva, que participou na montaxe da mostra O herbario de Agustín, un traballo colectivo sobre as plantas e as árbores dos seus libros, que poderá visitarse na Casa da Cultura ata o 10 de novembro. Completaron a súa participación con recitados sobre a natureza que nos lembraron como a literatura nos ensina a mirar con máis atención o mundo.

Ao final, cada persoa asistente levou un agasallo como recordo, e non faltaron os agradecementos a quen puxo o seu tempo e o seu cariño nesta iniciativa, con especial lembranza para a familia de Agustín.

Foi moito máis ca unha entrega de premios: foi unha celebración da palabra, da música e da diversidade, e un recordo de que a igualdade non é só unha palabra bonita, senón un compromiso que cómpre renovar cada día.

Agustín segue presente nos seus libros, nas abidueiras que nos convidan a mirar a natureza con outros ollos, nas nenas que soñan con ser futbolistas e nas persoas que atopan nun centro ocupacional unha segunda familia. Quizais a mellor maneira de homenaxealo sexa seguir lendo, seguir soñando e deixar tras de nós unha pegada feita de respecto, liberdade e amor. Porque, como dixo Fran Fernández Dávila, ao final, iso é o que queda.

Dende o Iescha, só nos queda expresar un sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron posible a realización deste acto.

Ata a próxima!!!

GALERÍA DE FOTOS

VIDEO RESUME DO ACTO>>> https://www.facebook.com/reel/3376012726120367

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad