
A mañá deste domingo, 28 de decembro, foi moito máis ca un acto: foi un encontro co recordo, coa palabra e coa emoción. Na ágora vilalbesa, ao pé da placa que garda o nome de Bernardo García Cendán e fronte á casa onde a súa familia deixou raíces, o IESCHA convocounos para renderlle unha sentida homenaxe, chea de cariño, de música e de memoria viva.
As primeiras palabras chegaron da man da presidenta, Marisa Barreiro, quen nos convidou a situarnos non só no espazo físico senón tamén no simbólico. Alí, onde Bernardo está presente, evocouse a súa figura como exemplo de tolerancia, diálogo, capacidade de escoita e de concordia. Valores fondamente humanos que contrastan coa dureza do mundo actual, marcado pola inxustiza, os conflitos e as guerras, e que fan da súa lembranza unha luz necesaria.
A palabra, tan esencial na vida de Bernardo, tomou corpo nas lecturas das Cartas 1 e 2, do seu libro CARTAS A ANTÓN, compartidas e lidas con emoción por familiares e amizades próximas. Martín Seco, José Miguel Bermúdez, Baruk Domínguez, Pilar Maseda, Felipe Arias, Loly Soto, Rosana Domínguez, Chema Felpeto, Mero Iglesias, Alfonso Blanco, Manolo Santamariña e Marisa Barreiro foron as voces que devolveron ao presente o seu pensamento sereno, comprometido e crítico, así como a súa maneira de entender o mundo desde a razón, a empatía e o respecto. Cada lectura foi tamén un acto de cariño e gratitude.
A música acompañou ese latexo común coa delicadeza das fermosas actuacións de Corredores de Sombra (Pili, Rosana e Baruk) e do grupo Lambe Lambe (Vanesa e Iria), que souberon poñer sons á memoria. As súas interpretacións fixeron do acto un espazo de encontro entre o pasado e o presente, entre a emoción e a esperanza.
Foi, en definitiva, unha homenaxe sinxela e fonda, tecida entre palabras, música e afectos. Un xeito colectivo de dicirlle a Bernardo que segue con nós, que a súa voz non se apaga e que os valores que encarnou continúan a ser necesarios. Grazas a encontros coma este, a súa memoria permanece viva, alentando a cultura, o diálogo e a paz.
Desde o IESCHA, queda o agradecemento a todas as persoas que colaboraron, participaron e acompañaron esta homenaxe, facendo posible que a memoria de Bernardo García Cendán siga sempre presente.
Ata a póxima!!! FELIZ ANO 2026!!!
ALGUNHAS FOTOS DO ACTO



































































VIDEO-RESUME DO ACTO:
