RESEÑA DO ACTO DE HOMENAXE A SANTIAGO MATO VIZOSO, MÚSICO VILALBÉS, O 22-FEB-25, NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA (FOTOS E VIDEO)

UNHA NOITE MOI EMOTIVA EN LEMBRANZA DE SANTIAGO MATO VIZOSO

Vilalba viviu este pasado sábado, 22 de febreiro, no Auditorio Municipal, unha noite especial, marcada pola música e o recordo a Santiago Mato Vizoso, nun acto de homenaxe que congregou a numeroso público. 

O evento deu comezo coa presentación de Baruk Domínguez que foi dando paso aos discursos institucionais: Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Mónica Fernández, conselleira de Cultura, e Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, nos que se destacou a contribución do homenaxeado á cultura musical local. Tamén houbo espazo para os agradecementos a todas as persoas e entidades que fixeron posible a celebración. 

Un dos momentos destacados da xornada foi o discurso de Xosé Ramón Vázquez Carreira, quen estudou en profundidade a figura e a obra de Santiago Mato Vizoso. Na súa intervención, fixo un detallado percorrido pola traxectoria do homenaxeado, analizando as súas composicións e destacando a súa achega á música da vila. Salientou o seu compromiso coa tradición e a súa capacidade para innovar dentro do repertorio galego, subliñando a pegada indeleble que deixou nas xeracións de músicos que o seguiron. 

O apartado musical da homenaxe foi un especialmente vibrante concerto da Banda de Música, moi aplaudido polo público e estruturado en tres partes: 

– Banda de Música e Coral Polifónica Vilalbesa, interpretando pezas significativas do homenaxeado, nomeadamente O REPATRIADO (Juan Soldado)

– A Banda en solitario, ofrecendo unha mostra do repertorio máis emblemático de Santiago. 

– Banda e Grupo de Gaitas, coa interpretación dunha muiñeira poñendo en valor o traballo de Santiago Mato Vizoso tamén na música tradicional galega.

A continuación, proxectouse un emotivo vídeo dedicado ao homenaxeado no que se puxo en valor a tradición musical da vila. Fotos que deron fe do legado de Santiago Mato Vizoso e a súa influencia en xeracións de músicos.

O broche final, logo dunha sentida e agarimosa mostra de apoio a Susana Pérez Fernández, da Escola de Teatro, chegou coa descuberta da placa que dá o nome de Santiago Mato Vizoso ao Conservatorio de Música vilalbés, un xesto de recoñecemento perenne á súa figura e ao seu legado musical, aprobado por unanimidade polo pleno do Concello de Vilalba o 30 de xaneiro de 2025, a partir dunha proposta do Instituto de Estudos Chairegos.

En definitiva, unha noite para a lembranza, unha sentida e merecida homenaxe que puxo de manifesto a fonda pegada de Santiago Mato Vizoso na vida cultural e musical de Vilalba.

Moitas grazas a todas as persoas que a fixeron posible!

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=28627888883524644

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad