RESEÑA DA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “UNIVERSO VIZOSO”, DE XOSÉ VIZOSO. 8-04-2025. CASA DA CULTURA-VILALBA (VIDEO E FOTOS)

Unha homenaxe visual á xenialidade dun artista: inauguración da exposición do gran Xosé Vizoso: UNIVERSO VIZOSO.

Na mañá deste marte 8 de abril, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizou na Casa da Cultura de Vilalba o acto de inauguración da exposición UNIVERSO VIZOSO: unha escolma de carteis, ilustracións, fotografías e murais do recoñecido artista mindoniense XOSÉ VIZOSO, nunha homenaxe que busca poñer en valor a inmensidade da súa obra e a importancia do seu legado creativo. A mostra, cuxas obras foron seleccionadas por Aser Álvarez, de Arraianos Producións e comisario da mesma, conta co patrocinio e a promoción da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O acto comezou coas intervencións das representantes das entidades organizadoras e colaboradoras: Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación, e Marta Rouco, alcaldesa do Concello de Vilalba, que puxeron en contexto a relevancia desta mostra como tributo necesario a unha figura clave da arte galega contemporánea.

Aser Álvarez, comisario da exposición, antes de dar comezo á visita guiada, destacou o traballo de recuperación e posta en valor que supuxo esta mostra, facendo fincapé no impacto cultural e emocional da obra de Vizoso.

A continuación, xa na visita guiada, Aser foi comentando con detalle aspectos concretos das pezas expostas. O público asistente puido achegarse a anécdotas pouco coñecidas, amizades que marcaron a traxectoria do artista e influencias que foron modelando a súa visión estética. Cada cartel, ilustración ou fotografía revelaba historias e contextos que Aser ía describindo ata completar o percorrido.

Especial atención mereceu o mural do Furriolo, unha homenaxe de Xosé Vizoso aos presos do cárcere de Celanova que foron vítimas do franquismo nos anos da Guerra Civil.

A exposición, ampla e diversa, constitúe un testemuño dunha obra inmensa que agora recibe a visibilidade que merece. Trátase dunha cita imprescindible para quen desexe coñecer ou redescubrir a forza expresiva e o talento dun dos grandes nomes da arte galega.

Dende o Iescha, temos que agradecer moi sinceramente á Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que pensase en nós para poder expoñela en Vilalba. Agradecemento que facemos extensible a Aser Álvarez, comisario da mesma, dándolle os parabéns polo seu magnífico traballo.

Moitas grazas tamén ao Concello de Vilalba pola súa colaboración e, como non, ao público asistente.

Ata a próxima!!!

VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=468111643053893

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad