Ás oito da noite do xoves 29 de agosto, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos programou o acto de inauguración da XII Exposición “Tal como eramos-Fotos para o recordo”. A mostra ofrece unha completa e variada colección de fotos antigas, maioritariamente pertencentes á primeira metade do século XX. A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, dirixiu unhas palabras ao público asistente, para agradecer a súa presenza no acto, e para explicar brevemente as características da mostra, comentando que se vai consolidando edición tras edición, e que sería imposible sen a colaboración de infinidade de persoas cedendo as fotografías polo que expresa o seu infinito agradecemento.
Nesta edición, o público asistente, que enchía a Sala de Exposicións do Auditorio, quedou de novo asombrado coa coidada e variada selección de imaxes cheas de recordos, cada unha delas con historias, sentimentos e lembranzas de todo tipo. En total, presentáronse 26 paneis con 8 fotos cada un, de temática variada (Deportes, Celebracións, Feiras e Festas, Música, Nenas e Nenos, Grupos, Oficios e Actividades, Paisaxes e Recantos, Paseos, etc.), seguindo o renovado deseño xa introducido na edición anterior. O público mostrouse agradecido por poder disfrutar dunha mostra tan evocadora e emotiva.
Con este tipo de actos, o Iescha quere continuar mantendo o seu compromiso coa conservación da memoria histórica e coa promoción das artes, ofrecendo aos veciños e veciñas unha oportunidade única para redescubrir o pasado a través dunha colección de imaxes que, sen dúbida, permanecerá gravada na mente de todos os nós.
Unha vez máis, graciñas a todas as persoas que o fan posible.
Ata a próxima!!!
VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=3760005667555293