RESEÑA DO ACTO DE PRESEN TACIÓN DO LIBRO “1916-1923: O IRMÁN PEÑA NOVO”, DE ALBERTE CURRÁS GATO. CASA DA CULTURA DE VILALBA, 28-12-23. (GALERÍA FOTOGRÁFICA)

Na noite deste xoves, o Iescha organizou o acto de presentación do libro “1916-1923: O IRMÁN PEÑA NOVO”, de Alberte Currás Gato, editado polo Instituto de Estudos Chairegos coa financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia de Deputación de Lugo. 

Marisa Berreiro, que presentaba o acto, deu comezo condenando unha vez máis a masacre que está a sufrir a poboación de Gaza, para a continuación dar conta dos diversos actos organizados polo Iecha en torno á figura de Lois Peña Novo, pasando despois á presentación de Alberte Currás Gato, un veciño de Vilalba e autor do libro que se presentaba. 

Alberte Currás inicio a súa intervención, agradecendo, en primeiro lugar, ao Iescha a súa excelente acollida para facerse cargo da edición do libro, para a continuación pasar a falar de Lois Peña Novo.

E de Lois Peña Novo poidemos saber moitas cousas grazas á detallada e precisa intervención de Alberte:

Poidemos saber que Lois Peña Novo foi unha figura moi relevante na historia de Galiza, aínda que non concorda coa importancia que se lle deu.

Soubemos tamén que durante os anos 1916 ao 1923, Peña Novo destacou como membro das Irmandades da Fala, sendo o primeiro concelleiro nacionalista galego no Axuntamento de A Coruña. Que abordou o uso do galego, que fixo colocar a bandeira galega no edificio municipal e que foi promotor de diversos proxectos para mellorar as condicións dos coruñeses, como rúas, mercado, transporte e hixiene. e que foi un gran defensor dos máis desfavorecidos.

Coñecimos, así mesmo, as discrepancias dentro das Irmandades, con Risco liderando o grupo máis conservador-cultural, e Peña Novo outro máis nacionalista-político. Do mesmo xeito, que fomos sabedores da análise que no propio libro se fai de artigos de prensa contrastando as ideas dos dous grupos.

Poidemos coñecer tamén a extrañeza do autor do libro sobre o esquecemento de Lois Peña Novo a pesar de ser un líder político destacado, impulsor da reforma agraria na segunda república. 

E por fin, soubemos da súa condena a morte tras o golpe de estado franquista, que posteriormente foi conmutada por pena de prisión. Dende entón, Peña Novo apartouse da política e dedicouse á avogacía.

O debate posterior abundou en aspectos relacionados coa figura de Peña Novo, incluíndo as Irmandades da Fala de Vilalba impulsadas por el, o monolito colocado polo Iescha no lugar no que se reunían, así como outros detalles salientables sobre a súa familia e as súas visitas a Vilalba; que o seu nome foi dado a unha rúa, a un instituto e unha asociación cultural moi activa a finais dos setenta e principios dos oitenta en Vilalba.

Finalmente, a presidenta Marisa Barreiro agradeceu a Alberte Currás a súa participación neste acto de presentación deste interesante libro, facendo extensivo o agradecemento aos asistentes e convidándoos a lelo (todos foron agasallados cun exemplar xunto coa revista do Iescha, Pena do Encanto, nº 13).

Ata a próxima!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad