RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACION DE DOUS LIBROS DE MERO IGLESIAS. VENRES 18 DE SETEMBRO DE 2026. CASA DA CULTURA DE VILALBA. ACTO ORGANIZADO POLO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS (VIDEO RESUME E FOTOS)

A presentación dos libros de Mero Iglesias: “Formas, figuras e sombras na Terra Chá” e do primeiro volume do “Catálogo do cantar de cego galego”, reuniu en Vilalba música, investigación e tradición oral.

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu este venres 18 de setembro a presentación dos libros de Mero Iglesias: Formas, figuras e sombras na Terra Chá e Catálogo do cantar de cego galego. Volume 1: Voandeiras, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba.

A música tivo un protagonismo especial desde o comezo, con interpretacións de repertorio medieval e tradicional, e coa participación de Miro Casabella, acompañado nalgunhas cancións por Sara e Nerea, cuxa presenza contribuíu a crear ese necesario diálogo entre música e palabra que caracteriza boa parte da traxectoria de Mero. A presentación, conducida por Marisa Barreiro, deu paso ás intervencións de Alfonso Blanco Torrado, Mero Iglesias e Xosé Quintas Canella.

Alfonso Blanco salientou o valor de Formas, figuras e sombras na Terra Chá, unha obra vinculada á memoria da olería de Bonxe e, especialmente, ás figuras de Indalecio Lombao e Pepita de Bonxe, reivindicando o recoñecemento do seu labor, e subliñando a importancia da paisaxe da Terra Chá e da súa memoria como elementos fundamentais da identidade colectiva.

O libro, máis que un estudo académico sobre a artesanía do barro, constitúe unha memoria afectiva da relación de Mero con Indalecio e Pepita de Bonxe, incorporando ademais arquivos sonoros accesibles mediante códigos QR, fondos recollidos por Mero Iglesias e depositados no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego.

Pola súa banda, Mero Iglesias agradeceu a presenza do público e das persoas participantes, así como o labor do IESCHA e de Xermolos. Na súa intervención explicou diversos aspectos do traballo desenvolvido nos dous libros e reivindicou a necesidade de recuperar e valorar os oficios tradicionais. Neste sentido, chamou a atención sobre a importancia de volver mirar cara ao barro e á cerámica fronte á progresiva substitución destes materiais polo plástico. Tamén defendeu a independencia da cultura fronte aos poderes establecidos e reclamou o recoñecemento para figuras como Pepita e Indalecio de Bonxe.

A segunda publicación, Catálogo do cantar de cego galego. Volume 1. Voandeiras, recupera e sistematiza unha parte fundamental da tradición oral galega. Este primeiro volume aborda a figura das cegas e cegos cantores e propón unha catalogación dos xéneros recollidos.

Xosé Quintas Canella destacou a amizade con Mero e o pracer de participar na presentación, subliñando a capacidade das palabras para, cando se xuntan harmonicamente, converterse tamén en música.

O acto desenvolveuse nun ambiente no que se fundiron música, memoria, paisaxe e cultura popular, elementos todos eles intimamente ligados á traxectoria de Mero Iglesias, figura destacada da música e da cultura tradicional galegas, que serviu tamén para dar a coñecer dúas das súas novas achegas, e poñer en valor unha traxectoria estreitamente vinculada á música, á tradición oral e á investigación e divulgación do patrimonio cultural galego.

O encontro rematou cunha nova actuación de Miro Casabella, coa interpretación da canción O MEU PAIS, recibida con grandes aplausos por parte do público, nun ambiente de agradecemento e recoñecemento ao labor de todas as persoas que, desde distintos ámbitos, contribúen á conservación e difusión da cultura galega.

Desde o IESCHA queremos expresar o máis sincero agradecemento e os parabéns a todas as persoas que fixeron posible este encontro: Mero Iglesias, Alfonso Blanco Torrado, Xosé Quintas Canella, Manolo Santamariña, Marisa Barreiro, Miro Casabella, Sara e Nerea, así como ao público que encheu a Casa da Cultura e acompañou con interese e afecto esta presentación. O IESCHA agradece tamén a colaboración do Concello de Vilalba, e valora especialmente a participación de todas e todos os que contribúen, desde diferentes ámbitos, á defensa, recuperación e difusión da nosa cultura, da nosa memoria e do noso patrimonio.

Ata a próxima!!!

GALERÍA FOTOGRÁFICA

VIDEO RESUME>>>
https://www.facebook.com/reel/1107937885509598

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad