RESEÑA DO ACTO DE PRESENTACIÓN DO LIBRO “A CASA DO AMO”, DE MARÍA REIMÓNDEZ. CON LUZ DARRIBA E MARISA BARREIRO. CASA DA CULTURA DE VILALBA. MÉRCORES 15 DE MAIO DE 2024 (FOTOS E VIDEO RESUME)

O Instituto de Estudos Chairegos organizou na tarde noite do mércores 15 de maio, na Casa da Cultura de Vilalba, o acto de presentación do libro “A CASA DO AMO”, de María Reimóndez, pechando unha xornada de encontros literarios na que tamén participaron a Biblioteca Municipal, a Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva e o Concello de Vilalba.

Iniciou o acto, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha,  condenando enerxicamente unha vez máis a masacre sufrida polo pobo palestino. Despois de reflexionar sobre algúns aspectos das Letras Galegas e de manifestar a súa decepción polo feito de que a Casa da Cultura de Vilalba non poida levar aínda o nome de Manuel María, pasou a presentar ás dúas compañeiras de mesa: María Reimóndez e Luz Darriba, con fíos de unión entre as dúas e que coincidían alí para falar do libro “A casa do amo”, María como a súa autora, e Luz como lectora.

A Luz Darriba, unha gran artista interdisciplinar, defínea como unha defensora incansable da cultura, o feminismo e a arte popular.

De María Reimóndez, recoñecida como unha lúcida escritora, tradutora e intérprete, destaca o seu activismo na causa feminista, a súa defensa da diversidade e o seu compromiso coa xustiza social e a igualdade. Entre os numerosos premios que recibiu, Marisa pon en valor un en particular que ten un significado especial para a nosa agrupación: María Reimóndez foi a gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Iescha, en colaboración co Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.

Luz Darriba comezou a súa intervención expresando o seu agradecemento por participar nun novo evento de Iescha e poder acompañar a María Reimóndez. Describiu “A casa do amo” como unha obra valente que explora a posibilidade dunha vida sen dominación. Destacou a profundidade do ensaio de María, ao que considera un libro permanente de consulta, que aborda temas da descolonización e que se erixe como un referente indispensable para a transformación social.

Tomou a palabra a continuación María Reimóndez, agradecendo a invitación do Iescha e darlle a oportunidade de compartir este espazo con Luz Darriba. Calificou o seu libro como unha análise crítica da literatura galega desde unha perspectiva colonial e racista. Instou aos asistentes a reflexionar sobre as complicidades coloniais presentes na nosa cultura, especialmente durante este mes das Letras Galegas, sinalando aspectos problemáticos dalgúns escritores homenaxeados sendo autores de obras con tintes racistas.

Concluíu a súa intervención cunha pregunta provocativa: “Somos racistas?” Ao que ela mesma respondeu francamente:
“É evidente que si”.

Moitas grazas dende o Iescha tanto a María como a Luz polas súas interesantes e suxestivas intervencións agardando poder seguir contando con elas en vindeiras ocasións.

Ata a próxima!

VIDEO RESUME>>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=1221985778770580

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad