
Un salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba ateigado de xente acolleu, na noite deste xoves 5 de xuño, a presentación dun libro moi especial para o Iescha, organizador do evento, non só polo contido senón tamén polo seu autor: o compañeiro e amigo Manuel Castro Santamariña. A presentadora do acto, Marisa Barreiro, quixo deixar claro dende o principio que non era unha presentación calquera, senón un momento importante para o Iescha, pola implicación persoal e afectiva co autor. Agradeceu a presenza do numeroso público e foi dando paso ás intervencións de Alfonso Blanco e Manuel C. Santamariña cunhas pinceladas das súas biografías misturadas co agarimo e respecto que se lles ten ás persoas que forman parte dunha historia social e cultural compartida.
Alfonso Blanco Torrado, segundo en intervir, fixo unha fermosa descrición do libro, que cualificou de marabilloso e cheo de luz. Destacou a súa importancia como testemuña da nosa cultura, do rural e das relacións humanas que tanto teñen que dicirnos aínda. Recoñeceu tamén o traballo do autor como un exercicio de memoria, onde o léxico, as paisaxes, as andanzas e a vida cotiá quedan recollidas para as xeracións vindeiras. Salientou a coincidencia da publicación do libro co ano dedicado á literatura oral. E aproveitou tamén para lembrar a figura de Manuel María, ese grande poeta que nos axudou a entender o corazón da Terra Chá.
Manuel Castro Santamariña agradeceu, en primeiro lugar, as verbas tan agarimosas de Marisa e de Alfonso, así como ás persoas que colaboraron na edición do libro: a Arturo, pola maquetación e portada, e a Leandro Seixas polos seus debuxos… E, sobre todo, agradeceu especialmente a presenza do público que se achegou ao acto e encheu o salón co seu apoio.
O autor falou do proceso de creación do libro, que naceu dun impulso escribidor que sempre tivo, pero que colleu forza durante a pandemia. Contou que o título foi das primeiras cousas que tivo claras, e que máis que unha obra literaria é un traballo documental e etnográfico. Quixo deixar constancia dunha realidade que, por desgraza, está a desaparecer: a da tradición oral, a riqueza do vocabulario, o xeito de falar e contar. Reflexionou sobre a perda de transmisión interxeracional, a contaminación lingüística e a importancia de escoitar aos maiores mentres estean con nós.
O libro, como ben dixo, é unha invitación a pensar, a entreterse e a debater. Un libro que recolle vidas e palabras, que constrúe memoria, que convida a camiñar polas sendas compartidas do pasado e do presente. Un libro necesario para non esquecer quen somos e de onde vimos.
O acto rematou con distintas intervencións do público, nun ambiente de lembranza e agradecemento.
Desde o IESCHA queremos expresar os parabéns a todas as persoas que fixeron posible este acto tan especial. Grazas a Marisa Barreiro e a Alfonso Blanco, polas súa participación e polas súas palabras cheas de emoción e respecto; grazas A Manolo Santamariña, por agasallarnos con esta obra tan entrañable e sentida; grazas ao Concello de Vilalba pola súa colaboración, e grazas, como non, a todo o público que encheu o salón e deu sentido a esta presentación co seu calor e a súa presenza.
Ata a próxima!!!








































VIDEO RESUME>>>>> https://www.facebook.com/watch?v=2587370504957822
